Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Adíase até a constitución da nova Xunta

O goberno español agarda por Feijoo para resolver o debate de financiamento

Entre audis, cadeiras e outras leas, quedaron case agochadas as claves sobre a posición que Galiza asumirá fronte ao debate da reforma do modelo.

Redacción - 09:00 17/03/2009

Hai xa semanas que o propio ministro de Economía, Pedro Solbes, admitira que o debate, cando menos o debate público, ao respecto do modelo de financiamento autonómico, quedaba no caixón até a volta das eleccións en Galiza. Agora, o relevo na Xunta confirma o adiamento até cando menos a constitución do novo Goberno.

Así quedou de manifesto este mesmo luns na xuntanza da executiva estatal do PSOE, onde o asunto sofre dun acendido debate interno. Durante a reunión, o presidente do goberno español e secretario xeral do PSOE, José Luís Rodríguez Zapatero, confirmou que non se convocará desde a Moncloa ao Consello de Política Fiscal e Financeira até que o novo equipo da Xunta asuma as súas funcións.

Na reunión, o representante do PSC, o socialista Miquel Iceta, foi especialmente insistente na necesidade de que o acordo de financiamento se peche "canto antes". Con todo, estando fixada a constitución do Parlamento de Galicia para o primeiro de abril, a partir de aí ábrese un período de trinta días para o proceso que desemboca na convocatoria do pleno de investidura do novo Goberno. A vontade do PPdeG de acelerar o proceso poñería así e todo a data no contorno de mediados do mesmo mes.

A proposta do PP, a do PPdeG?
Á espera do que o equipo económico conformado por Alberto Núñez Feijoo, decida ao respecto deste debate, o programa co que o PPdeG acudía á Xunta caracterizábase por un primeiro criterio: o rexeitamento da bilateralidade. Un Goberno do PP en ningún momento negociará directamente este aspecto co goberno español, senón sempre "nunha mesa onde senten todas as comunidades autónomas de réxime común". Un segundo criterio é a "suficiencia", para o cal subliñan como imprescindíbel a elaboración dun "mapa de servizos" a nivel estatal. De feito, en canto ese mapa non estea elaborado, propoñen unha "cláusula" de garantía de que o país non perderá posicións relativas. Entre as variables para a distribución, subliñan a dispersión e o avellentamento, tal e como destacan tamén socialistas e nacionalistas. O equivalente á axencia tributaria propia da que falan PSOE e Bloque toma forma no programa do PP na proposta do que denominan "Ente Tributario Galego".


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: