Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Prognóstico de 230 xigavatios no continente

A eólica europea podería garantir o 60% do consumo dos fogares en 2020

A Asociación Europea de Enerxía Eólica, que remata este xoves en Marsella a súa asemblea anual, marca ambiciosos obxectivos para o sector a curto prazo.

Redacción - 10:00 19/03/2009
Parque eólico na comarca do Barbanza

Parque eólico na comarca do Barbanza

En apenas dez anos, seis de cada dez fogares europeos verían fornecidas as súas necesidades enerxéticas a través dos muíños eólicos. Así o considera a Asociación Europea de Enerxía Eólica (EWEA), que prevé que naquela altura o continente teña unha capacidade instalada de 230 xigavatios, unha cifra que incrementa en 50 XW a liña fixada anteriormente.

"A enerxía eólica pode reemprazar en gran medida os combustíbeis contaminantes nos que confiamos hoxe en día", sinalou Andris Pielbags, comisario de Enerxía da UE na sesión de apertura esta semana da conferencia organizada pola EWEA. "É lóxico que pasemos a investir nas nosas propias fontes de enerxía como solución fronte ao impredicíbel mercado dos combustíbeis fósiles e o cambaleo dos prezos", advertiu Pielbags, destacando que no plano eólico Europa "ten unha verdadeira vantaxe competitiva".

Sobre o mesmo asunto reparou Arthouros Zervos, o presidente da patronal eólica, agoirando que a UE está condenada a "perder a batalla" enerxética senón aposta decididamente polas enerxías alternativas. Zervos chamou a atención sobre o feito de que sexan agora mesmo as empresas europeas as que xa controlan dous terzos do millonario mercado mundial das tecnoloxías vencelladas ao sector eólico. "A enerxía do vento é unha das contribucións europeas á paz, o progreso e a prosperidade, e debe ser promovida e estimulada", pediu.

A EWEA actualiza así a súa meta de 180 XW de potencia a acadar en 2020 no sector, até os 230 XW, incluído o obxectivo específico de 40 XW en instalacións eólicas marítimas. Dese xeito, o 60% dos fogares verían as súas necesidades enerxéticas atendidas grazas á achega eólica, que cubriría de xeito global entre o 14 e o 18% da demanda eléctrica da UE. Os representantes do sector, reunidos en Marsella esta semana, amosáronse crecentemente optimistas sobre o futuro neste eido, malia advertiren que o futuro pasa tamén polo compromiso que cada un dos estados membros asuma respecto da directiva marco sobre renovábeis introducida pola unión Europea.


4.29/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: