Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
Entrevista a J. J. Tamayo, teólogo

"O eixo de todo o meu traballo é a teoloxía da liberación"

Aproveitando a visita do teólogo J. J. Tamayo a Santiago para participar nun ciclo de conferencias sobre a laicidade en España, desde a revista Irimia conversamos con el e repasamos un dos debates de máis plena actualidade e a situación da teoloxía no Estado español

J. A. Martínez - 09:30 20/03/2009


O interese que existe na actualidade sobre o tema do laicismo en España, é un debate de moda ou un debate necesario?
Eu penso que claramente o segundo. Independentemente da súa presenza, ou non, na primeira plana informativa, é un debate no que hai que profundar. 

En tempos en que a crise económica parece que o monopoliza todo, dende as preocupacións da xente ás portadas dos xornais e todo tipo de faladoiros, cre que se vai a manter un espazo e un interese por este debate?
A crise financeira non nos debe obrigar a renunciar ao debate. Non son aspectos excluíntes. Reflexionar sobre a relación da Igrexa católica e o poder ou sobre a laicidade non impide loitar pola xustiza e por evitar o individualismo insolidario. É verdade, porén, que ao falar de relacións Igrexa-Estado, moitas veces esquécese o referente social que ambas as institucións deben ter; e é por aí por onde debería orientarse o debate, non polo mantemento duns privilexios. 

As relacións entre relixión e Estado parece que derivan, mesmo, a disputas de tipo terminolóxico. Así, utilizando a Constitución, hai quen defende que estamos nun Estado non confesional, pero non nun Estado laico.
Este é un falso debate. Ao meu modo de ver, ambos os termos son equivalentes. Os únicos que establecen unha diferenza son os bispos, cun claro interese: defenden un Estado non confesional porque entenden que este lles deixa espazo na vida pública. Defenden unha presenza pública que sempre chega por vía de poder, non desde os marxinados ou desde os movementos sociais, o que realmente xustificaría a súa presenza. O debate, así entendido, desemboca nunhas formulacións burguesas, que nada cambian a sociedade. 

Considera que existe un clima social bo para este debate ou cre que é o único posible? Cre que se dan as condicións para un verdadeiro diálogo?
Non existe un debate teórico porque os intereses que se xogan dunha e doutra parte son moi pragmáticos. Á xerarquía non lle interesa entrar no fondo do problema, xa que o que busca é a consecución e o mantemento dun espazo de poder e ideolóxico. Ao goberno non lle interesan unhas propostas verdadeiramente laicas porque lle pode supor unha perda de apoio electoral entre posibles electores católicos. 

Como se podería enfocar o debate para conseguir resultados frutíferos?
Hai que expor o tema noutro marco, noutro escenario. Agora está exposto segundo o interese de cada unha das institucións. Esta situación non nos exime, aos que nos movemos neste campo de reflexión e estudo, de tratalo en profundidade e con gran rigor. Bótanse a faltar espazos de diálogo entre crentes e non crentes, como os que existiron nos anos 70, por certo, dunha calidade moi elevada. Agora frivolízase con asuntos como a posible existencia de Deus na publicidade dos autobuses urbanos. Insisto, no terreo político, ideolóxico, relixioso, o pragmatismo impide que haxa debates teóricos sólidos e argumentados.


Unha traxectoria teolóxica arredor da teoloxía da liberación

Se atendemos ás túas publicacións, o teu traballo teolóxico evolucionou ao longo da túa traxectoria vital.
Si, pero o eixo de todo o meu traballo foi a teoloxía da liberación. Nun primeiro momento a miña teoloxía enfocábase dende a perspectiva económica e social, porque a situación nese momento era dramática. Logo xurdiron novos fenómenos. Antes faciamos teoloxía cristiá da liberación, centrándoa no económico e social. Pero a teoloxía da liberación é unha teoloxía en camiño, non pechada. Non é unha teoloxía perenne, que formule unhas afirmacións válidas para todo tempo e contexto. Non é dogmática; reformúlase cos novos procesos históricos. Xurdiron novos fenómenos históricos desde os anos 80 que hai que ter en conta. 
 
Cales son eses novos fenómenos?
Fundamentalmente dous. O primeiro é a toma de conciencia de que a pobreza e a marxinación non se reducen ao campo socioeconómico. Hai tamén discriminacións por razón de xénero (marxinación da muller), de etnia (discriminación do mundo indíxena), relixión (destrución das relixións ancestrais), procedencia xeográfica (xenofobia, sobre todo contra os inmigrantes. Constátase como o avance do neoliberalismo estende a pobreza a outros sectores sociais ou mesmo a continentes enteiros.

O segundo é a diversidade cultural e relixiosa. Non vivimos en tempos de relixión e de cultura únicas. Nun mesmo territorio coexisten ou conviven cidadáns e cidadás pertencentes a diversos sistemas de crenzas, concepcións ideolóxicas e culturas diferentes. É necesario traballar teoloxicamente estes fenómenos novos, mais non dun xeito culturalista, senón tendo como eixo a teoloxía da liberación, ampliando o horizonte, de igual xeito que se integra o paradigma ecolóxico ou o feminista, sempre no horizonte da teoloxía da liberación.
 
A túa teoloxía abrangueu, entón, moitos campos que se foron enriquecendo mutuamente.
Efectivamente, non se trata de substituír teoloxías, senón de ir incorporando os novos, respondendo aos novos desafíos e propor alternativas, pero mantendo o mesmo eixo. Acabo de entregar en imprenta un novo libro, Teoloxía da liberación, novos paradigmas, e avanzo en novos proxectos, cara a unha teoloxía intercultural e do diálogo interrelixioso, porque ata agora fixemos unha teoloxía da liberación cristianocéntrica.

    Relixión e teoloxía na actualidade



 
Cando se anunciaba que a relixión ía perder peso, continúa a manter a súa presenza.
O absoluto, o misterio, o sacro ten pervivencia. O que aconteceu é que sucedeu un cambio de sacro, non  a súa desaparición. Non existe un proceso de secularización do profano. Antes o sacro era a Igrexa, agora o sacro é o mercado; antes o sacro era un sacerdote, agora o sacro é un presidente dun banco. Non desapareceu a relixión, senón que cambiou de lugar. A nosa tarefa consiste en facer unha teoloxía crítica da relixión do mercado, como antes se fixo da relixión evasiva ou espiritualista.
 
Como ves a saúde teoloxía española actual?

Penso que estamos nunha etapa de stand by. Houbo unha gran produción desde os anos 70 aos 90, grazas a que se daban uns condicionantes moi determinados: nutrímonos de toda a riqueza e creatividade da teoloxía da liberación e da teoloxía europea, nun espazo xeocultural e xeorreligioso privilexiado. Un exemplo son os nosos congresos de teoloxía. Xurdiu unha teoloxía política, unha teoloxía que respondía ao desafío da increnza da secularización, pero que tamén, pola influencia latinoamericana, atendía á pobreza e á marxinación. Os dous polos mantiveron á teoloxía española nun nivel moi alto de creatividade e de rigor epistemolóxico.

Dos 90 en diante posiblemente existe un freo na creatividade. Penso que é a perspectiva intercultural e interrelixiosa a que vai dar máis froitos. Xa non se pode facer teoloxía só desde o cristianismo e a modernidade. Esta proposta sería cristianocéntrica e occidentalcéntrica, e deixaría fóra do eido da reflexión e do proxecto de liberación a dous terzos da humanidade.


4,14/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: