Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Convoca o Foro Galego de Inmigración

Folga "simbólica" en protesta pola lei de estranxeiría

Unha diversa plataforma cidadá leva ás rúas a queixa por unha reforma que definen de "fondamente restritiva e negativa".

Redacción - 09:30 20/03/2009

As limitacións para o reagrupamento familiar a só os residentes de longa duración ou a apertura da posibilidade de repatriación de menores inmigrantes, basada na garantía de servizos de atención a menores dos países de orixe, "posibilidade moi discutíbel no caso de países como Marrocos, por exemplo". Velaí dúas das queixas que o Foro Galego de Inmigración leva este venres ás rúas do país ao fío do anteproxecto de Lei de Estranxeiría proposto polo goberno español que chegará proximamente ao Congreso.

Ao respecto desa proposta, o Foro tamén lamenta o que cualifican de "intolerábel aumento de prazo de estancia nos centros de internamento de estranxeiros", que chega até os 60 días (antes eran 40). E de xeito especial láianse da "persecución sistemática da poboación inmigrante en situación de irregularidade administrativa e no peche das fronteiras". Unha situación que, sinalan, chega ao punto de propoñérense como actuacións delictivas "as realizadas por asociacións, entidades e persoas particulares para axudar, socorrer e facilitar a vida das persoas inmigrantes en situación de irregularidade administrativa".

"Negámonos a aceptar esta visión intencionadamente criminalizadora, na que tanto insiste este anteproxecto do goberno español, sobre unha realidade, a da inmigración, tan fondamente positiva para o conxunto da poboación galega e española", sosteñen. Por este motivo, fan un chamamento simbólico á folga, na procura da solidariedade dos cidadáns. Ao longo do día, membros dos colectivos que apoian o Foro, reparten información polas rúas de varias cidades e vilas.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: