Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
A prol da protección dos bosques

Recicla, colabora, reivindica: xeitos de mirar polas árbores

Desde Adega achégannos un decálogo de suxestións aproveitando o Día Forestal Mundial ou Día da Árbore.

Redacción - 16:30 21/03/2009

O lugar da Eira da Xoana, no recanto de Ramil (n'Agolada), foi escenario este sábado dunha xornada de plantación. Desde hai semanas a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) xa fixera na zona labores de desbrozamento e quitáranse eucaliptos e acacias. Agora comeza o traballo de substitución destas especies por arborado autóctono, fundamentalmente carballos e castiñeiros.

Ao fío, velaquí dez propostas de Adega para contribuír á conservación dos bosques:

1)Usa papel reciclado: o papel reciclado evita que se corten árbores. Levar o papel vello ao contedor azul e mercar e empregar papel reciclado habitualmente evita que se teñan que cortar novas árbores, realizar monocultivos... así como aforrar enerxía e auga. Hoxe en día existen moitas calidades e tipos de presentación de papel reciclado; reciclado normal, para fotocopiadora, en cadernos, etc., a un prezo semellante ao papel de pasta de árbore. Non debemos confundir o papel reciclado co ecolóxico, este último é o que se realiza con pasta virxe de árbore pero branquéase sen cloro, produto moi contaminante.

2)Solicítalle unha compra verde de papel reciclado ao teu concello ou empresa: as compras verdes implican criterios medioambientais xunto aos de adxudicar a compra dun ben/ou servizo a un licitador. Para facilitar as mercas sustentabeis referidas ao papel as empresas, concellos, etc, poden propoñer diferentes criterios ambientais: revisar as especificacións de compra e contratos, demandarlle información aos fornecedores sobre alternativas ecolóxicas, etc. Gobernos como o de Aragón ou Catalunya xa o fixeron, e concellos como Zaragoza, Barcelona, Córdoba, Pamplona, etc, ou as Universidades de Valencia, Autónoma de Madrid, Politécnica de Barcelona... tamén. Para cando unha entidade galega nesta listaxe?. Se tes un posto de responsabilidade pon en marcha esta iniciativa senón, demándaa.

3)Apúntate ao voluntariado forestal: o voluntariado ambiental é unha das maneiras que a cidadanía ten de participar na conservación do medio. Dende diversas administracións, consellarías, concellos, universidades, etc estanse a realizar actividades de voluntariado para a recuperación e mantemento do noso patrimonio forestal. Apúntate, ademais de plantar poderás facer tarefas de vixilancia, limpeza, etc. Hai moitas maneiras de conservar o noso patrimonio forestal.

4)Merca produtos co selo FSC: a eco-etiqueta FSC que locen algúns produtos indica que proceden dunha explotación forestal ambientalmente apropiada, socialmente xusta e economicamente viábel. A finalidade desta certificación é mellorar a xestión dos bosques e asegurar un mercado para estes produtos.

5)Que as árbores non che impidan ver o monte, e as dunas, e as matogueiras...: as árbores son as especies típicas que se plantan neste día forestal, pero pensa que o bosque é un ecosistema máis dos moitos que temos na nosa terra (dunas, turbeiras, montañas, etc). Se non podes celebrar hoxe o día da árbore seguramente poderás participar outro día en proxectos de recuperación de flora dunar, repoboación de bosques de ribeira ou na eliminación de especies invasoras.

6)Evita as madeiras tropicais: á hora de mercar un moble evita as madeiras tropicais, moitas delas proceden da extracción ilegal, nas que ademais de arrasar con bosques enteiros expulsan as poboacións indíxenas que dende hai centos de anos ocupan esas terras. Merca mobles antigos, de segunda man ou de plantacións co selo FSC.

7)Reutiliza a madeira vella: á hora de facer traballos da horta ou no xardín emprega madeiras vellas ou usadas. As táboas dun palé usado ben poden empregarse para facer un pequeno valado ou un composteiro. Recorda que o “R” de reusar é a seguinte en importancia logo do “R” de reducir.

8º)Reivindica plantacións con árbores autóctonas: antes de organizar unha plantación pensa que especies vas plantar, onde, consegue os permisos e mira a lexislación sobre os espazos até as casas, as fontes, etc. Moitos concellos están a sacar ordenanzas municipais nesta liña.

9)Colabora na eliminación de especies invasoras: moitas especies alóctonas están a desprazar e invadir espazos de vexetación autóctona. Colabora na erradicación de especies invasoras, moitas entidades están a traballar nesta liña.

10)Faite socio/a de Adega: a participación nunha entidade ecoloxista é unha maneira máis agradábel e proveitosa de loitar contra as agresións ao medio. En compaña os traballos son máis levadeiros e xuntos/as podemos facer máis cousas. Os incendios forestais, as talas indiscriminadas, os monocultivos, a perda da fertilidade do solo, e outras actividades humanas está reducindo de maneira considerábel os bosques.


4,33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: