Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Poderían quedar extinguidos en poucas horas

A primavera entra con tres graves incendios forestais provocados

O máis grave foi o rexistrado na Limia, mais tamén houbo un lume importante na Ulloa. Alén disto, un outro incendio no Parque Natural do Gerês preocupa os portugueses.

Redacción - 11:30 23/03/2009
A Mata da Albergaria, unha zona do Gerês de difícil acceso á que aínda non chegou o lume / Flickr: rosino

A Mata da Albergaria, unha zona do Gerês de difícil acceso á que aínda non chegou o lume / Flickr: rosino

Ao longo da mañá desta segunda feira quedarán extintos os tres incendios forestais que afectaron os montes galegos esta fin de semana. Os lumes máis importantes rexistráronse en Palas de Rei (A Ulloa) e en Xinzo (A Limia). No primeiro concello arderon centos de hectáreas dunha zona protexida, e no segundo, os veciños chegaron a temer polas súas vivendas. Arestora o lume máis activo é o rexistrado no Concello de Lobios (Baixa Limia).

"Todos os lumes foron provocados"
Esta fin de semana foi especialmente preocupante no relacionado cos incendios forestais no noso país, aínda que a situación xa está controlada, segundo sinalou o director xeral de Montes, Alberte Blanco, na Radio Galega. Porén, Blanco revelou que a intensa fin de semana incendiaria é consecuencia da "actividade humana", xa que, segundo dixo, todos os lumes "foron, sen dúbida, provocados". Cómpre lembrar que o Goberno prohibiu calquera tipo de queima até que mudase o tempo, polo que o director xeral de Montes sospeita que todos os lumes foron "intencionados, por motivacións diversas", entre as que sinalou o "pastoreo" a "gandaría extensiva" ou as "zonas de caza", sobre todo na Raia, que están a foron queimadas "persistentemente".

Arde o Gerês no incendio máis relevante dos 10 activos en Portugal
Alén dos incendios rexistrados no país, hai varios focos activos na Raia con Portugal, e nas fronteiras con Zamora, León e Asturias. Cómpre sinalar que un dos lumes máis preocupantes é o que afecta ao Parque Natural da Peneda-Gerês, do lado portugués, en cuxa extinción están a colaborar efectivos galegos. Este incendio comezou na mañá do domingo, e aínda non chegou á zona crítica da Mata da Albergaria -un lugar dificilmente penetrábel por parte dos efectivos que traballan na extinción do lume-, mais é considerado como o máis preocupante dunha ducia de lumes de distinta intensidade que afectan os montes do país veciño. Cómpre sinalar que no domingo a Autoridade nacional de Protecção Civil (ANPC) de Portugal rexistrou 303 incendios, de distinta intensidade.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: