Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PREMIOS DO TEATRO GALEGO

Uns María Casares para Aldara

A obra de Teatro do Atlántico escrita por Teresa Moure obtén sete galardóns, entre eles os de mellor espectáculo, director, texto e actriz, para María Bouzas. Videos no interior.

Marcos S. Pérez - 09:35 26/03/2009

Era a noite de Teatro do Atlántico. Un, dous, tres, e ao cabo até sete premios, monopolizando os galardóns principais, de xeito que Xulio Lago, director de Unha primavera para Aldara, tivo que subir até en tres ocasións ao escenario. Josito Porto conduciu unha gala áxil e amena, retransmitida en diferido pola televisión pública, e na que o convenio de actores e actrices de teatro asinado este ano despois de anos de negociación foi o protagonista. Tanto foi así que entre os encargados de entregar os premios estaban representantes sindicais e mesmo Demetrio Fernández, presidente do Consello Galego de Relacións Laborais. Así mesmo, o teatro galego denunciou a parálise que sofre a Consellaría de Cultura en funcións, á espera da constitución dun novo goberno, e reclamou que se lles dea saída ás convocatorias correspondentes a este ano, para non paralizar a propia escena galega.

Foi unha gala de cambio de ciclo, de celebración dun "bo momento" e de chamada a non dar pasos atrás. Os profesionais das artes escénicas celebraron a aprobación do tan pelexado convenio: "dez anos de longo camiño", "unha tarefa que parecía imposíbel", e advertiron que os avances acadados nos últimos anos non se poden deter. O teatro galego experimentou este ano un "aumento espectacular" de público, segundo a Asociación de Actores, con máis de cen mil espectadores no 2008. Ao recibir o premio á mellor adaptación por Aeroplanos, Olga Nogueira reivindicou o teatro no noso idioma, orixinal ou traducido, pois "parece que nos vindeiros anos fara falla que ademais de sacar a lingua ensinemos os dentes".

Na intervención máis dura da noite, ao recibir o premio ao mellor director, Xulio Lago denunciou que "neste momento todo está parado na administración" e advertiu de que "a certeza de que vai seguir parado até que os novos mandatarios se constitúan e dean continuidade ou empecen un novo proxecto, ten a toda a profesión teatral galega absolutamente asombrada e preocupada. Hai compañías con proxectos moi complexos en marcha e parece que non hai intención de dar saída ás convocatorias que cumpriron os seus prazos hai un tempo". Lago concluíu que se os actuais representantes da administración só están esperando a que os novos poderes lle dean saída a iso, é mellor que marchen a casa e que deixen de cobrar os salarios que todos estes meses lle corresponden a eles".

Foi a noite de Ana Romaní, premio de honra Marisa Soto polo seu labor de divulgación no Diario Cultural da Radio Galega. E foi tamén a noite de Teresa Moure, autora do texto que puxo en escena Teatro do Atlántico, e que confesou estar "nerviosa" por non ser "aínda de todo unha persoa do teatro". Finalmente, as obras dirixidas por Quico Cadaval e Cándido Pazó, que na pasada edición dos María Casares levaron entre os dous boa parte dos premios, nesta ocasión tiveron que conformarse con dous e un, respectivamente. A Obra de PT Excéntricas levou o galardón á mellor música e o de mellor actor protagonista, para Víctor Mosqueira, que dedicou o premio "á clase obreira".

Relación de premiados

Espectáculo: Unha primavera para Aldara. Teatro do Atlántico
Dirección: Xúlio Lago. Unha primavera para Aldara

Actriz protagonista: María Bouzas. Unha primavera para Aldara
Actor protagonista: Víctor Mosqueira. Obra (No comment)
Actriz secundaria: Rebeca Montero. A boa persoa de Sezuán
Actor secundario: Artur Trillo. E ti, quen vés sendo?

Escenografía: Carlos Alonso. Unha primavera para Aldara
Texto orixinal: Teresa Moure. Unha primavera para Aldara
Adaptación/ Tradución: Avelino González e Olga F. Nogueira. Aeroplanos

Música orixinal: Suso Alonso. Obra (No comment)
Iluminación: Xúlio Lago. Unha primavera para Aldara
Vestiario: Carlos Alonso. Unha primavera para Aldara
Maquillaxe: Cristina Couto. Dame veleno, eu tamén soñar.


4.88/5 (32 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Teresa Moure, María Bouzas e Víctor Mosqueira reciben os seus premios

Xulio Lago criticou a parálise da administración e denunciou os prexuízos que lle pode provocar ao teatro galego

Ana Romaní recolleu o seu premio de honra Marisa Soto

Ana Romaní, premio de honra Marisa Soto
Ana Romaní, premio de honra Marisa Soto