Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
Crónica dende Bos Aires

"Xuízo e cárcere común para todos os xenocidas"

Organizacións sociais concéntranse na Praza de Maio, 33 anos logo do golpe militar, para pedir dilixencia nas causas por delitos de lesa humanidade.

Débora Campos - 19:50 26/03/2009
Son milleiros os desaparecidos / Foto: D.C.

Son milleiros os desaparecidos / Foto: D.C.

Trinta e tres anos despois do golpe de Estado que o 24 de marzo de 1976 instaurou a mais sanguinaria ditadura na Arxentina, organismos de dereitos humanos, organizacións políticas, sociais e sindicais realizaron este martes un acto na Praza de Maio, no que se pronunciou un forte reclamo á Xustiza para que se aceleren as causas por delitos de lesa humanidade.

Baixo as consignas "Xuízo e cárcere común para todos os xenocidas". "Aparición con vida de Jorge Julio López e polos 30 mil compañeiros detidos desaparecidos", unha multitudinaria columna encabezada polas dirixentes das Nais da Praza de Maio-Liña Fundadora, Taty Almeida e Nora Cortiñas, avanzou dende a Avenida de Maio en dirección á Praza de Maio levando a bandeira coas fotos impresas dos 30 mil detidos-desaparecidos.

Da marcha, precedida por grupos de música e de danza, participaron entre outros o premio Nobel da Paz, o fillo de pontevedreses Adolfo Pérez Esquivel; os dirixentes socialistas de orixe galega, Ariel Basteiro e Oscar González; entre outros funcionarios e políticos.

Ao chegar á Praza de Maio, as nais e avoas foron recibidas cun longo aplauso e co tradicional canto "Nais da Praza o pobo abrázaas", por unha multitude composta por militantes de distintos colectivos políticos, sindicais e organismos de dereitos humanos.

Durante o acto, deuse lectura a un documento de seis follas no que se realizou un forte reclamo ao Poder Xudicial para que acelere as causas por delitos de lesa humanidade, recordouse aos "cómplices civís" da ditadura militar entre os que se mencionou a grupos económicos e de medios de comunicación e esixiuse cárcere común para "todos os xenocidas" da última ditadura.

"Responsabilidade dos tres poderes"

As nais Taty Almeida, Marta Vázquez, Aidé García Buela e Beatriz Lewing foron as encargadas de ler o documento no que se sinalou que os "tres poderes do Estado teñen a responsabilidade de acelerar os procesos que se levan contra os autores de crimes de lesa humanidade".

Ao Executivo pediron que asegure que "todas as fiscalías do país conten con orzamento e infraestrutura", mentres esixiron ao Lexislativo que aprobe unha "lei de Inhabilitación", para impedir que os responsables de cometer delitos de lesa humanidade ocupen cargos en dependencias do Estado.

En tanto, esixiron á Corte Suprema de Xustiza da Nación que protexa "o avance de todas as causas por delitos de lesa humanidade", e nese sentido, fixeron un chamamento ao Consello da Maxistratura a que "con celeridade" designe aos xuíces que entenden nese tipo de causas e que controlen a súa desempeño nas mesmas.  

Desaparición de Jorge Julio López

Así mesmo, chamaron aos tres poderes do Estado a "participar, investigar e castigar con urxencia" aos responsables da desaparición de Jorge Julio López, a testemuña da causa ao represor Miguel Etchecolatz e desaparecido dende hai tres anos logo de falar no xuízo, e anovaron o seu pedido para que se implemente unha "política global de protección", para testemuñas, querelantes, xuíces e fiscais, comprometidos nas causas polos crimes da última ditadura.

Para rematar, esixiron a apertura dos arquivos das Forzas Armadas "para saber toda a verdade", porque "senón os xenocidas manteñen o seu pactos de silencio". Tralo acto convocado polas Nais e Avoas da Praza de Maio, distintas organizacións e colectivos tamén conmemoraron o aniversario do golpe de Estado.


4.2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: