Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
TOURIÑO CONTESTA AO LÍDER DO PP

"Feijoo actuou de xeito antidemocrático en 2005 e debería poñerse colorado"

Na rolda de prensa do Consello da Xunta lembrou as decisións adoptadas polo último goberno Fraga, como o plano acuícola, as minicentrais e as concesións de TDT.

Redacción - 18:50 26/03/2009

"Di Feijoo que ten o móbil aceso día e noite agardando pola súa chamada...", preguntou un xornalista. "Pois vaia gasto". Touriño respondeu deste xeito, e entre as gargalladas dos redactores presentes, unha das cuestións que lle formularon na rolda de prensa do derradeiro Consello da Xunta. Preguntábanlle sobre as insistentes reclamacións do líder do PP para que o goberno inicie a transferencia de poderes, mesmo antes da constitución do novo Parlamento. "El saberá o que fai co seu teléfono móbil", continuou Touriño, que engadiu que "bromas á parte, isto xa é un pouco excesivo".

Touriño lembroulle a Núñez Feijoo que "estas cousas apréndense en primeiro de Dereito: até o un de abril non temos Parlamento nin Mesa de Parlamento. Daquela entraremos na fase que de maneira indebida, improcedente e ansiosa vén reclamando o señor Feijoo". "Isto é o normal, aquí e en todas partes e o único que converte as cousas en anormais é este señor", dixo Touriño.

Pérez Touriño afirmou que a situación podía explicarse na actividade levada a cabo polo último goberno de Fraga (no que Feijoo era vicepresidente) mentres estivo en funcións: "aprobaron o plan acuícola, adxudicaron provisionalmente as concesións de televisión dixital, aprobaron nove parques eólicos, aprobaron sete centrais hidroeléctricas, Feijoo directamente aprobou 39 convenios, adxudicou obras na Cidade da Cultura por cen millóns de euros...". O presidente da Xunta en funcións denunciou que Feijoo "tivo un comportamento antidemocrático no 2005 e debería poñerse colorado, pero este señor parece que non se pon colorado por nada" e concluíu que "até despois do 1 de abril non se pode facer ningún traspaso de nada".


5/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: