Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MANIFESTO

A FPG reitera a necesidade dunha fronte que agrupe a esquerda soberanista

Mentres o BNG debate teses políticas e busca novos líderes, o independentismo arela novas fórmulas para saír da marxinalidade.

R.Vilar - 18:30 26/03/2009

Unha forza, á esquerda do Bloque, que sexa quen de callar na sociedade e superar os lindes da marxinalidade política. Ese é o degoro de diferentes grupos políticos que dende hai meses fan continuas referencias á necesidade de crear unha fronte soberanista. A organización máis veterana do independentismo galego, a FPG, fixo público esta semana un comunicado na súa web baixo o epígrafe de “Resolución por unha reformulación política e da esquerda nacionalista”.

Pero a quen se dirixe realmente o manifesto? Sen dúbida, a Fronte Popular, ao igual que outras formacións independentistas, axexan cada movemento que se está a dar dentro do BNG. Eis unha das claves para crear un proxecto que aglutine a esquerda independentista: atraer aqueles militantes descontentos co BNG e, nomeadamente, co seu labor na Xunta.

Nos últimos meses, representantes da FPG mantiveron varias conversas con cadros do Movemento pola Base e incluso do Encontro Irmandiño. Segundo fontes consultadas por Vieiros, estas xuntanzas intentaban facer unha “diagnose” do conxunto do movemento nacionalista. Porén, tamén había quen vía nas mesmas a posibilidade de artellar unha estrutura política a medio prazo.

Mais na folla de ruta dos que traballan a prol desa alianza da esquerda soberanista houbo un imprevisto importante: o Bloque vén de perder o Goberno e debate xa o seu futuro e as  novas teses políticas.  Mentres que unha parte do primixenio Movemento pola Base anunciaba a súa saída ao considerar que a “deriva” da organización era xa irreversíbel, os “irmandiños” de Xosé Manuel Beiras anunciaban a súa intención de dar batalla dentro do Bloque

A busca dun espazo propio
Unha das dificultades históricas do independentismo galego é a súa división. Na actualidade a FPG e Nós-UP son os dous principais referentes deste segmento político. Porén, as relacións entre as dúas forzas son máis que distantes. A isto hai que sumar a escasa implantación comarcal que teñen as dúas formacións e a marxinalidade de apoios electorais (as candidaturas independentistas sumaron pouco máis de catro mil votos nos últimos comicios).

Coa evidente distancia ideolóxica, coa esquerda independentista galega pasa algo parecido ao que ocorre co chamado “centro nacionalista”: Todo o mundo coincide en que hai espazo e que hai demanda social mais polo de agora aínda non houbo unha demostración empírica. Mentres, no disperso mundo independentista a mazá de Tántalo segue a ser a mesma, e leva por nome 'unidade'.


4,96/5 (25 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: