Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AZUCENA RODRÍGUEZ, DE IESGA, NOVA PRESIDENTA

Lea entre Xuventudes Socialistas e Galiza Nova na asemblea do Consello da Xuventude

Os nacionalistas denuncian irregulariedades, mentres que as XX.SS. acusan a BNG e PP de facer unha "pinza" para boicotear a reunión.

Redacción - 17:47 28/03/2009

A XL Asemblea do Consello da Xuventude de Galicia escolleu este sábado a Azucena Rodríguez, coordinadora nacional de IESGA, nova presidenta do organismo. Rodríguez declarou que "é fundamental potenciar o asociacionismo xuvenil e iso é un reto no que estamos comprometidos para os vindeiros dous anos". Así mesmo, engadiu que "teremos unha actitude dialogante coas administracións pero sobre todo seremos reivindicativos dos dereitos dos mozos e das mozas porque ese é o noso cometido".

Pola súa banda, Galiza Nova denunciou que se produciron "irregularidades" na asemblea e acusarón ás Xuventudes Socialistas de provocar esta situación para seguir mantendo o CXG como o seu "couto privado". Iria Aboi, secretaria xeral da organización xuvenil do BNG, sostén que a asemblea celbrada este sábado é "nula", ao non se constituír legalmente, conforme aos Estatutos do Consello. Neste sentido, afirma que na segunda convocatoria, ás dez e media, non había o quórum esixido polo regulamento.

Segundo a líder de Galiza Nova, o presidente, "baixo as presións de membros destacados do PSOE, como o deputado electo José Manuel Lage Tuñas e o alcalde de Fene, Iván Puentes" volveu abrir a mesa para acreditar a dúas persoas pertencentes a unha organización afín ás Xuventudes Socialistas, "para así conseguir o quórum preciso". Para Iria Aboi, as Xuventudes Socialistas "queren continuar utilizando o Consello como o seu couto privado e non como un organismo verdadeiramente representativo do asociacionismo galego".

Xuventudes Socialistas acusa a Galiza Nova de facer "pinza" co PP
Mentres, Tamara Canosa, Secretaria de Organización das Xuventudes Socialistas de Galicia denuncia que Galiza Nova como Novas Xeracións tentaron "boicotear" a celebración da asemblea "cun comportamento deplorable e impropio de organizacións democráticas". Canosa afirma que as organización xuvenís de BNG e PP tentaron, primeiro, que non se celebrase e despois irromperon na sala onde se celebrou a asamblea e interromperon con berros e insultos o discorrer da orde do día. Canosa considera "indecente" que Galiza Nova e Novas Xeracións "tentaran pola forza gañar o que non foron capaces de gañar coa palabra e cos argumentos".

A nova presidenta aposta "pola pluralidade"
Pola súa banda, a nova presidenta do CXG, Azucena Rodríguez asegura que "apostamos pola pluralidade, cun comité permanente onde teñen presenza entidades estudantís, de tempo libre, políticas, sindicais. Fixemos unha candidatura aberta á participación. Aqueles que non quixeron participar desta candidatura fixeron en uso da súa liberdade pero a maioría do consello é hoxe unha maioría plural que aspiro a que englobe aínda a máis entidades xuvenís nun futuro inmediato", concluíu.

O organismo representativo da mocidade galega contará nesta nova etapa cun Vicepresidente do sindicato UGT-GALICIA e inclúe no seu comité permanente a entidades de tempo libre como  INICE, Scouts de Galicia-ASDE, JMV ou A Tropa dos Xacobiños. A xestión do comité permanente saínte foi votado cun respaldo maioritario. A este respecto, a presidenta saínte, Loli Rodríguez, destacou "o importante salto dado polo CXG nestes anos".


2.43/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: