Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
XELÍS DE TORO, ESCRITOR

"Levamos máis de 25 anos de autonomía e a literatura galega segue ocupando un espazo raquítico"

Case dez anos despois da súa última novela, regresa con 'Riofero', un libro de aventuras no mellor sentido da palabra.

Marcos S. Pérez - 08:00 03/04/2009

Había nove anos que non tiñamos nas mans unha novela de Xelís de Toro (Santiago, 1962), dende aquela Os saltimbanquis no paraíso que sucedía a Terminal (1994), se cadra o seu mellor texto. De Toro vive en Inglaterra dende 1991; alí foi lector de galego en Oxford e Birmingham, e dende hai uns anos traballa de editor. Entréganos agora Riofero (Xerais), unha novela de aventuras, unha novela formularia, no senso máis completo da palabra, un libro co que entreterse e co que viaxar.

A entrevista flúe, como o río, da novela até os procesos de produción da novela, e de aí até o contexto no que se move: a cultura galega. De Toro chama a atención sobre a "desesperante incapacidade da literatura galega para rachar o seu teito" e sobre a necesidade de "repensar os modelos culturais", pois a a cultura galega "sobrevive", mais "non consegue ocupar un espazo social máis amplo". Así e todo, destaca tamén que na actualidade a cultura galega "superou moitas eivas de literatura minorizada", pois os artistas "actúan como artistas sen complexos: fan o traballo que queren facer sen atender a mandatos de 'facer país' ou 'encher buracos'".

O libro emprega recursos da literatura máis formularia. O libro é, sen complexos, unha novela de aventuras. Por que está tan mal considerada en certos eidos da alta cultura a literatura como evasión?

Eu diría que Riofero é a un tempo un libro de aventura e un libro que trata de como se escribe unha aventura. A aventura da subida ao río refírese ao proceso de pescuda de algo que anceiamos encontrar; mentres que a escrita dunha aventura refírese por extensión a como se escribe todo tipo de literatura. Utilicei todos os recursos da novela de aventuras, sobre todo traballei o ritmo, a tensión, a anticipación, as personaxes teimudas nun obxectivo, o medo ante o descoñecido, etc. En canto a se existe en certos sectores da cultura un menosprezo pola literatura popular, de xénero, de evasión, todos eles conceptos moi ambiguos, existe menos do que existiu, pero segue a existir. Esta distinción ignora interesadamente que moita da que se chama literatura clásica, ou canónica, foi no seu momento literatura de evasión ou lecer. Se alguén é quen de marcar unha fronteira entre literatura de alta cultura e literatura de lecer, encontrará que hai libros bos e malos a cada un dos lados.

Experimentaches en obras como Terminal e agora presentas un libro completamente distinto. Por que?
Para min cada libro é un proxecto totalmente diferente para o que creo unha maneira de traballar. En Terminal tratei de dar un salto no baleiro; o empuxe do libro consistía en querer ir a un sitio que me era descoñecido e o libro foi medrando a medida que o ía facendo. O meu obxectivo era buscarlle os límites a novela, buscarlle as costuras ao traxe que me apretaba. Creo que cheguei a ese límite, non sei se o crucei, non sei exactemente o que fixen. Pero en certo sentido non fun valente e recuei. Os libros Os saltimbanquis no paraíso e Riofero, son parte dese 'rebote'. Con Os saltimbanquis quixen volver á narración, construír unha novela, foi un traballo de estrutura; con Riofero xa fun ao pescozo directamente da literatura de lecer, da tensión, a emoción.

"Eu apuntei ao corazón da literatura...", dis na contracapa. Cal é? Onde está? Como é o corazón da literatura?
Non sei se a literatura ten corazón pero si hai un latexar. Precisamos contar e oír contos, escribir e ler historias que falan de nós e do que sentimos. A literatura é a imposibilidade do silencio, é falar e contar sen estar totalmente seguros do que estamos a contar. Parafraseando a un que sabía máis ca min e que lle chamaban Beckett, é moi difícil falar de algo que teña sentido, porén somos incapaces de quedar calados, isto resume bastante ben o que eu penso da literatura.

O río é un proceso, deixa aos personaxes da novela noutro lugar. Onde te deixou Riofero a ti?
Un libro é un río de palabras que nos colle nun sitio e imos con el cara a outro lugar. Para min este libro era a fin dun proceso. A fin dunha viaxe, que comezou con Terminal. Se falase coma un católico, diría que Os saltimbanquis e Riofero foron a penitencia que tiven que facer por cometer o pecado de Terminal, e con Riofero a miña afrenta a deusa literatura está totalmente expiada. A miña idea era que despois de Riofero me sentiría libre de novo para volver explorar o que quixese. Porén, como sempre, a vida sorprende, e escribir Riofero foi moi estimulante, e é a primeira vez que cando remato un libro son capaz de lelo e relelo. Podo telo riba da miña mesa. Podo falar del e sentirme a gusto con el.

Na novela ten unha presenza directa a fotografía, tamén a música, a propia novela ten moito de cinematográfico... Como concibes a relación entre as distintas artes e soportes?
Na novela, a fotografía é case como un personaxe máis, fala da tensión entre a realidade e a ficción. A fotografía fala dese intento do protagonista, Marqués, de gravar a vida que escorre entre os dedos. O escritor tira fotos no seu tentar de que vallan de testemuño do que está a acontecer. As artes non son compartimentos estancos. Sempre houbo influencias e trasvases de ideas; as ideas son virus, contaxiosos, non coñecen fronteiras, andan bébedos dun lado a outro gomitando onde lles cadra.

Riofero é un libro de fronteiras, de exploradores, ten ese encanto. Es un amante da fronteira?
Non gusto de romantizar a fronteira por respecto a toda a xente que morre queréndoas cruzar. Para min a fronteira impón moito respecto. A fronteira, no entanto, ábreme un espazo de posibilidades e as posibilidades son eleccións e decisións. Precisaba deste espazo para que as cousas puidense acontecer, necesitaba un espazo amplo para o indicíbel. A fronteira é un abismo onde caemos. A fronteira é o que lle permite a algúns personaxes perderse e a outros encontrarse.

O río de Riofero ten moitos referentes, literarios e reais (Mississippi, Amazonas...)... A nivel persoal cal é o teu río, aquel co que tes unha relación máis especial?
O certo é que eu son xente de mar. A pesar de nacer en Santiago, sempre estiven ligado emocionalmente á ría da Noia pola familia da miña nai. Non son de río, pero non é a primeira vez que o utilizo. En A porta dourada, unha novela infantil, tamén utilizo o río como principal protagonista, nese caso era o río Meu. Para min o río é misterio, dúbida, medo, traizón. Mentres que sinto que ao mar o coñezo e o respecto, ao río non o coñezo e téñolle medo.

Fran Alonso recupera en Un País a Medio Facer unha entrevista que che fixo en 1990 para Diario16. Que diferencia a cultura galega daquel tempo da actual?
Foron uns momentos de caos creativo. Por una parte estaban as institucións oficiais tratando de lexitimarse e precisando dunha cultura galega que se estaba a definir, e por outra as organizacións culturais nacionalistas con ideas moi pechadas do que debía ser a cultura galega. Entrabas por un porta e atopabas un tipo que non sabías de onde saía explicándoche en castellano "habría que hacer algo, en gallego si pero un poco moderno, ya me entiendes, no lo de siempre, Rosalía y la vaquiña". Saías de alí preguntando onde carallo fabricaban os tipos coma aquel e entrabas por outra porta e atopabas un intelectual nacionalista dicindo que "a literatura galega non é só a que está escrita en galego senon que tamén ten que refrexar a opresión do pobo galego". E xunto a isto poslle un bulir cultural nas urbes do que se chamou as movidas urbanas, a madrileña e despois a de Vigo. Foi daquela cando o meu irmán Suso escribiu os seus manifestos de 'fagamos croquetas restos de Castelao'. Pero para min o que mellor reflicte o espíritu do momento foi unha exposición que organizou La Naval na universidade Menendez Pelayo. Pedíronlle a un mundo de artistas galegos que deseñasen a nova bandeira galega. Esa exposición reflite perfectamente o espíritu do momento, xa que era posíbel imaxinar os novos símbolos de Galiza. Foi un acto lúdico, libre e de optimismo.

A miña resposta a esa época foi Seis cordas e un corazón, un caos no medio de caos. O importante foi que nese momento de caos e desorganización no que ninguén era quen de estar a cargo da embarcación da cultura, creouse un espazo moi fértil onde puideron agromar ideas. Mais despois chegou o comandante e mandou parar, e caeunos enriba a exposición Galicia no tempo e os seis mil gaiteiros e pico. Eu xa logo marchei e desde aquela estou nesta xeografía imaxinaria de galego de fóra.

Que se gañou e que se perdeu?
Existe unha profesionalización da cultura galega que antes non existía. Os libros están máis correctamente escritos e os músicos tocan mellor os instrumentos. Ademais, superáronse moitas eivas de literatura minorizada e os artistas actúan como artistas sen complexos: fan o traballo que queren facer sen atender a mandatos de "facer país" ou "encher buracos". Mais hai un aspecto que é desesperante, que é a incapacidade da literatura galega para rachar o seu teito. Levamos máis de 25 anos de autonomía e a literatura galega segue ocupando un espazo menor, raquítico, minúsculo na sociedade galega. Os artistas demostraron que saben como facelo, os políticos non foron quen, e a sociedade en xeral non está moi interesada. Non son pesimista en absoluto, iso é un luxo. Hai que seguir facendo, cada un no seu, o que hai que facer.

En que medida depende a cultura galega das institucións? Que consecuencias ten isto?
Coa autonomía comezou unha relación estreita entre a cultura galega e as institucións. No seu momento xulgouse como a única posíbel, axudas e subvencións para unha cultura que non podería sobrevivir e medrar doutro xeito. Porén, xa son tempos de facer análise para ver o que funciona e o que non. E se cadra as axudas non conseguiron o que se propuñan. A cultura sobrevive, non morre mais non consegue ocupar un espazo social máis amplo. Se cadra xa é tempo de repensar os modelos culturais. Vénme a cabeza a imaxe de Manolo Rivas de hai moito anos, a do bonsai, a planta vive, mais raquitizada, como se tivese o tangaraño dentro.

Que diferenzas, alén da súa dimensión, atopas entre o ambiente/sistema cultural galego e o inglés?
Realmente é unha cuestión de dimensión. A diferenza é que en Inglaterra, sobre todo en Londres, hai espazo para todo e para todos, ti podes facer o que che dea a gana, que sempre haberá algunhas almas perdidas ás que lles interesa o mesmo ca ti. Non creo que os artistas galegos teñan nada que envexar a artistas doutros lugares no que a calidade se refire. Mais por cuestións de tamaño en Galiza todo se volve moito máis significativo e importante, as correntes son máis doadas de identificar e ver. Se ti me preguntas que ocorre na cultura inglesa actual, non che sabería contestar porque non sabería a que cultura británica actual te refires. Están pasando moitas cousas en moitos circuítos e moitos niveis e os que teñen máis repercusión mediática non son necesariamente os máis interesantes. Pero para min, un dos aspectos máis importante é o importante papel dos circuítos e redes de artistas totalmente alleos ao mundo institucional, que se autoorganizan para facer as súas actividades sen contar con axudas oficiais.

Cales son os teus próximos proxectos?
Cando acabe esta entrevista vou tomar un té con moitas pastas. Máis alá diso xa non sei.


Ligazóns

4,27/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: