Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Marta Valcárcel, a deputada máis nova

"Non se aprecia ben o traballo parlamentario: é moito máis que chegar e sentarse"

Con 28 anos, a tamén concelleira en Salvaterra, gañou un escano na lista do PPdeG que a converte na deputada de menor idade nesta lexislatura.

R.N. - 17:30 01/04/2009
Marta Valcárcel (PPdeG), é con 28 anos a deputada máis nova do Parlamento

Marta Valcárcel (PPdeG), é con 28 anos a deputada máis nova do Parlamento

Serve de escola a traxectoria na política local para enfrontarse ao reto do Parlamento, como vivirá esta nova experiencia e en que medida lle axudará o aprendido?
A experiencia na política municipal é moi diferente. Pero si é certo que hai cousas que me axudarán nesta nova etapa. O principal é o contacto directo coa xente, o labor de escoitar, moito máis próximo nese nivel local. Nos concellos apréndese moito. Os veciños veñen a pé de rúa a pedirche explicacións moi concretas e cando as críticas son construtivas, a experiencia é moi instrutiva. Eu levo dous anos aprendendo moitísimo e teño que agradecerlle particularmente ao alcalde a confianza depositada en min.

Que impresión tiña da Cámara desde fóra?
Pode ser certo que se vexa un chisco afastada a actividade parlamentaria. Sobre todo desde un concello pequeno. Con todo, eu creo que si existe a sensación de que un punto de referencia fundamental para o país.

E que percepción concreta nestes últimos catro anos, co PP na oposición, e a promesa en 2005 de que o Parlamento gañase protagonismo no escenario político do país?
É verdade que probablemente o Parlamento centrou máis a atención nestes anos. Pero iso tamén ten que ver coas circunstancias. Especialmente nestes últimos tempos, coa crise económica, a xente está máis pendente do que din e do que fan os seus políticos, tamén na Cámara, aínda que noutros períodos poidan velos de xeito máis afastado.

E que se pode facer para aumentar a proximidade coa cidadanía?
É importante que nos esforcemos por transmitir a mensaxe do que facemos. Porque moitas veces non se aprecia realmente o traballo que se fai no Parlamento. Non é chegar e sentarse. Hai moito máis por tras.

Hai algún desafío especial para o país que lle gustaría ver resolver neste tempo?
Moitos, porque vimos de tres anos e medio de esquecemento en moitas cousas, onde non se fixo nada ou non se tomaron as medidas correctas. Hai problemas moi importantes dos cidadáns pendentes de resolver. Eu destacaría a cuestión da Sanidade, especialmente no que lle toca ás listas de espera, e tamén a lei de dependencia: hai moitos dramas familiares con nomes e apelidos que merecen atención. Un terceiro punto: a crise económica. Desde Galiza pódese facer moito máis para achegar solucións.

E de xeito concreto, en que área lle apetece integrarse para traballar máis polo miúdo?
Hai áreas nas que me sentiría máis cómoda, como é todo o relacionado cos servizos sociais, pero á fin é unha cuestión secundaria, xa que estou a disposición do partido para traballar e ser útil para os cidadáns e en particular para os veciños da miña comarca.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: