Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PRIMEIRA XUNTANZA DENDE O 1M

Conta atrás para o traspaso de poderes na Xunta

Emilio Pérez Touriño recibiu a Núñez Feijoo na residencia de Monte Pío para falar dos temas máis importantes da actualidade do país.

Redacción / Axencias - 17:15 03/04/2009

Este venres produciuse o primeiro contacto entre o presidente do goberno en funcións, Emilio Pérez Touriño, e o candidato á presidente do Partido Popular e futurible líder do executivo, Alberto Núñez Feijoo. O encontro tivo lugar na residencia de Monte Pío e durou máis de dúas horas, sendo o financiamento autonómico e a situación orzamentaria da Xunta os temas principais das conversas.

Durante este tempo tamén trataron outros temas como a axenda exterior de Galiza e a relación con Europa, a situación da Cidade da Cultura, o dispositivo de loita contra os incendios forestais ou a protección do litoral. Destes temas Feijoo destacou as conversas referentes á Cidade da Cultura, mentres que Touriño dou importancia ao repaso da axenda institucional máis inmediata e a situación do dispositivo destinado a loitar contra os incendios.

Feijoo confía en que isto a colaboración se manteña
Ao rematar o encontro Feijoo foi o primeiro en falar e explicou que o modelo de financiamento autonómico centrara gran parte das conversas ao afirmar que este é un tema "clave" no futuro inmediato e vai ter unha "gran transcendencia" nos vindeiros anos. Sobre a reunión, o líder do PPdeG dixo que "este encontro é a manifestación da democracia".

Feijoo dixo confiar en que a colaboración que comezou con este encontro continúe máis adiante xa que, segundo el, a condición de ex presidente converte a Touriño en "patrimonio de Galiza", polo que considera válida a súa experiencia de cara a "cuestións especialmente dificultosas". Feijoo amosouse satisfeito por ter recibido "un mínimo de información" que permita ao seu equipo comezar a traballar só 48 horas despois de constituírse o parlamento.

Touriño destacou o ambiente "cordial" do encontro
Sobre o legado do bipartito Touriño afirmou que o PP atoparase cunha administración "solvente e con dotación importante de recursos e liquidez", concluíndo que é unha situación mellor que aquela coa que se encontraron eles na súa chegada á Xunta. O candidato do PSOE á presidencia da Xunta comprometeuse a realizar unha "colaboración leal" para que o traspaso de poderes sexa "o máis eficaz posíbel".

Touriño declarou que foi unha "xuntanza presidida por un ton cordial, construtiva e positiva". O presidente en funcións amosouse satisfeito e despediuse agradecéndolle a Feijoo a súa actitude, e reivindicando despois a súa propia "posición de cooperación leal e ao servizo de Galicia e dos intereses da Comunidade". Nesa liña dixo que "quedan abertos todos os teléfonos e todas as canles" con Feijoo para "calquera outro asunto que demande".


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: