Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cota galega no cambio

Elena Salgado e Xosé Blanco destacan nas quinielas para o relevo no goberno español

A ourensá podería ser o relevo de Solbes en Economía e o lugués accedería á carteira de Fomento.

Redacción - 08:00 06/04/2009

"Cada un é libre de dar a información que queira, xa veremos se é certa ou non", expresaba este domingo o presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, logo de que saltase ao primeiro plano a información sobre os inminentes cambios no executivo estatal. Sen confirmar nin desmentir, esforzábase Zapatero por manter a atención na súa xuntanza co presidente dos Estados Unidos, sen adiantar nada ao respecto da reforma no seu equipo de goberno.

Nos últimos tempos, as especulacións diverxían sobre se os posíbeis cambios no gabinete se realizarían antes ou despois das eleccións europeas, co PP gañando forza nas sondaxes cara a esa cita coas urnas a cada paso. En pleno escenario de crise económica, o vicepresidente e ministro de Economía, Pedro Solbes, aparecía xa como unha das probábeis saídas. Agora, os prognósticos debuxan como futura titular desa carteira á ourensá Elena Salgado, actualmente responsábel de Administracións Públicas.

Outra saída que leva meses rondando os titulares é a da ministra de Fomento, Magdalena Álvarez. Non é tampouco un secreto que o mellor colocado para esa sucesión veu sendo en todas as quinielas o actual vicesecretario xeral do PSOE, o lugués Xosé Blanco, quen á fin podería acceder agora ao cargo. Un terceiro cambio sería no oco que deixaría libre a propia Salgado co seu paso a Economía. Aí entraría o actual presidente andaluz, Manuel Chaves, quen podería deixar a cadeira da presidencia andaluza despois de case vinte anos para ocupar a carteira de Administracións Públicas, que pasaría a ter rango de vicepresidencia e mudaría a súa denominación a "Relacións coas Comunidades Autónomas" ou "Política Territorial".

Así o apuntan algúns dos medios con fío máis directo con fontes da Moncloa, como a Cadena Ser e El País.


1/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: