Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
En Londres

A policía bateu no manifestante morto nas protestas contra o G20

O falecido, Ian Tomlinson, morreu dun ataque cardíaco, mais momentos antes foi empurrado e golpeado pola policía, segundo un vídeo captado por The Guardian.

Redacción - 09:00 08/04/2009
Momento no que tentaban reanimar a Ian Tomlinson

Momento no que tentaban reanimar a Ian Tomlinson

O diario británico The Guardian pendurou na rede un vídeo no que se aprecia como a policía bate no manifestante Ian Tomlinson, quen momentos despois caeu ao chan e faleceu, por causa dun ataque cardíaco.

Tomlinson, un quiosqueiro de 47 anos, participaba nas protestas contra a cimeira do G20 que a pasada semana se desenvolveu en Londres, e foi empurrado por un grupo de policías, mentres marchaba na manifestación, e golpeado para facerlle andar de présa. Pouco despois volven empurralo, e cae ao chan. Outro manifestante axúdalle a erguerse, un fotógrafo corre cara el para captar a escena, e os policías mantéñense no mesmo lugar. Segundo The Guardian, momentos despois este mesmo home sofre un ataque cardíaco e morre.

O vídeo podería mudar a versión que se ten da morte de Tomlinson, xa que o xornal británico está a compilar unha serie de probas, fotografías e testemuños para entregarlle á comisión que investiga a actuación da policía contra as protestas. Os axentes implicados, polo seu lado, declararon que non tiveron máis relación co finado que o momento de o reanimar cando este caeu ao chan. Alén diso, sinalaron que os esforzos para mantelo con vida foron entorpecidos por outros manifestantes, que os atacaban mentres eles prestaban primeiros auxilios a Tomlinson.


3.86/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: