Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
Cara aos comicios locais

Petición para unha "converxencia de esquerda" fronte ás municipais de Lisboa

Arredor de 170 personalidades ligadas ao socialismo, ao comunismo e ao Bloco de Esquerda, encabezan a solicitude.

Redacción - 18:00 13/04/2009

Arredor de 170 personalidades ligadas ao socialismo, ao comunismo e ao Bloco de Esquerda (BE), encabezan a petición 'Apelo à Convergência de Esquerda nas Eleições para Lisboa', que se poderá subscribir na internet, para ser entregada aos partidos políticos e asociacións cidadás que concorren aos comicios municipais, segundo informan os medios de Portugal.

Paulo Fidalgo, presidente da Associação Política Renovação Comunista, declarou que o obxectivo da solicitude presentada este luns é "construír un proxecto para a cidade, que ten que ser plural e que reúna as diversas forzas". Segundo Fidalgo, o electorado lisboeta está dividido en tres: dereita, Partido Socialista (PS) e esquerda.

O dirixente comunista alertou da posibilidade de que o candidato do PSD, Pedro Santana Lopes, acceda á presidencia da Câmara de Lisboa: "Unha fragmentación da esquerda pode significar arriscar unha derrota" nas eleccións. Fidalgo insistiu en que o acordo debe ser preelectoral, para non ter despois na Câmara de Lisboa "unha maioría de esquerdas, mais unha xestión de dereitas".

Rexeitamento do PCP
Segundo o Diário de Notícias, o premio Nobel de Literatura e membro da lista da CDU (coalición electoral) aos comicios europeos, José Saramago, está entre o subscritores da petición, así como o fadista Carlos do Carmo, figura ligada ao Partido Comunista Portuges (PCP).

O presidente da Câmara de Lisboa, António Costa (PS), voltou reiterar a súa "total abertura" a coalicións de esquerdas, unha hipótese rexeitada en varias ocasións pola oficialidade do PCP, que só concorrerá coaligado nas europeas c'Os Verdes (PEV), ao abeiro da CDU.


Ligazóns

5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: