Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
POLÉMICA LEI DA FUNCIÓN PÚBLICA

A dirección do BNG pídelles aos seus militantes que renuncien ao plus de altos cargos

A nacionalista Encarna Otera, pioneira na oposición ao sobresoldo, quere que a Asemblea Nacional referende a iniciativa da Executiva.

Redacción - 19:30 14/04/2009

A Executiva Nacional do Bloque fixo público un comunicado polo que lle demanda aos seus afiliados que ocuparon postos directivos na Xunta que non soliciten o chamado plus de altos cargos. O BNG considera que no actual contexto de crise económica “non se pode consolidar unha situación que de facto sería vista como un privilexio por parte da inmensa maioría dos cidadáns”.

A decisión do máximo órgano de dirección nacionalista tómase logo dunha iniciativa da directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, Encarna Otero. Ela foi a primeira alto cargo da Xunta que se posicionou publicamente en contra do que consideraba unha "prebenda". Nun artigo publicado en Vieiros en agosto de 2007 (Privilexios ou igualdade: disposición adicional 17) chamaba a todos os membros do Goberno a renunciar ao sobresoldo aprobado pouco tempo antes no Parlamento.

Agora, Encarna Otero tamén anuncia que vai intentar que a Asemblea Nacional do BNG do vindeiro mes de maio apoie a decisión da Executiva. A aínda directora xeral, explicoulle a Vieiros que a Xunta debería facilitar os nomes de todos os funcionarios que solicitan o incremento nas súas nóminas. Otero volveu cualificar de “gravísimo” un privilexio que, ao seu xuízo, prexudica a imaxe da política.

Unha “prebenda” aprobada unanimemente no Parlamento
Os tres partidos con presenza no Parlamento votaron a prol da nova Lei de Función Pública. Nun dos seus artigos entraba a coñecida como disposición adicional 17ª. Esta engádega dáballe dereito a todos funcionarios que estivesen un mínimo de dous anos nun alto cargo a cobrar un plus unha vez que volvesen aos seus postos de traballo. Pouco despois de aprobar a Lei da Función Pública, o BNG recoñeceu que disposición era un erro e fixo amago de revogala. Porén, o PSdeG e o PPdeG negáronse rotundamente e acusaron ao Bloque de recuar o que xa tiña aprobado.

Sindicatos como a CIG sumáronse ás críticas de Encarna Otero e tildaron de “cacicada” a aprobación dos sobresoldos aos que tamén se poden acoller altos cargos da administración local, como é o caso dos alcaldes. De feito, o sindicato nacionalista recolleu sinaturas por todo o país para que o Parlamento revogase a disposición adicional. Porén, a cámara ralentizou os trámites e finalmente a lexislatura rematou sen que se chegase a debater a iniciativa.

Petición expresa para poder cobrar o plus

Para poder cobrar o sobresoldo os funcionarios que antes foron altos cargos teñen que solicitalo expresamente na Consellaría de Presidencia. Segundo datos deste departamento, en xuño de 2008 (un ano despois de aprobarse da Lei da Función Pública) xa se acolleran a este beneficio 121 funcionarios.


4.68/5 (22 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: