Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PREXUBILADA POR TVE DESPOIS DE 38 ANOS

Rosa María Calaf gaña o Premio Xosé Couso de Xornalismo

O galardón recoñece o traballo a prol da liberdade de prensa, e organízano conxuntamente o colexio de xornalistas, o Club de Prensa de Ferrol e Caixanova.

Redacción - 19:20 16/04/2009
Rosa María Calaf traballando para TVE

Rosa María Calaf traballando para TVE

Este mércores fíxose público que a xornalista catalá Rosa María Calaf é a gañadora do V Premio Xosé Couso da Liberdade de Prensa. O nome da veterana correspondente de TVE revelouse nun acto celebrado na Galería Sargadelos de Ferrol. O galardón entregarase o vindeiro día 30 no Teatro Jofre, en Ferrol, durante unha celebración na que a Real Filharmonía de Galiza interpretará o Concerto pola Liberdade.

Rosa María Calaf naceu en Barcelona no ano 1945 e cursou os estudos de Xornalismo e Dereito. No ano 1970 entrou a colaborar con RTVE converténdose co tempo na correspondente máis veterana da cadea, despois de 38 anos. No seu vagar pasou por oito puntos diferentes do planeta até que a comezos deste anos foi prexubilada dentro do ERE de RTVE. No medio da súa estadía na televisión pública estatal tamén traballou en TV3, onde desenvolveu labores de directora de programas e produción.

O premio Xosé Couso nace coa intención de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa, ou cunha salientable traxectoria profesional. Organízano conxuntamente o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, o Club de Prensa de Ferrol e Caixanova. Nesta ocasión o premio tamén promove o recordo dos xornalistas aos que están despedindo as empresas usando como argumento os problemas de solvencia derivados da actual tesitura económica. Anteriormente recibiron este recoñecemnto o xornalista marroquí Ali Lmrabet, o xornal francés Le Monde Diplomatique, o estadounidense Jon Lee Anderson e o valenciano José Vidal-Beneyto.


4,25/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: