Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Venezuela

Edición xestionada por Xurxo Martínez Crespo
RSS de Venezuela
BAIXO A DENOMINACIÓN DE SUCRE

Estados membros da ALBA asinaron acordo para creación dunha moeda común

Ademais, este xoves confirmouse que o próximo Estado en integrarse na Alternativa Bolivariana será Saint Vincent and the Grenadines.

Xurxo Martínez Crespo - 10:37 17/04/2009
Foto de familia (clique para ampliar)

Foto de familia (clique para ampliar)

"Esta iniciativa marca unha nova historia. Na ALBA vimos tomar decisións para enfrontar a crise económica, social", expresou o presidente venezuelano Hugo Chávez, no momento en que os mandatarios Evo Morales, Raúl Castro, Manuel Zelaya, e Daniel Ortega, asinaban o documento.

O presidente venezuelano sinalou que se está cristalizando "o primeiro elemento económico e financeiro concreto na construción dun espazo rexional, ALBA máis Ecuador, aínda cando esperamos que pronto Ecuador sexa integrante pleno desta organización".

Despois da sinatura, o presidente venezuelano mostrou a acuñación da primeira moeda do sistema Sucre, a cal entregou simbolicamente ao mandatario de Bolivia, Evo Morales.

Estímase que no cuarto trimestre de 2009 comezará unha fase experimental para implementar o sistema, tendo operatividade completa a partires de 2010.

Onte xoves, os Estados membros da Alternativa Bolivariana para los Pueblos de Nuestra América (ALBA) maila República de Ecuador, asinaron o Acordo Marco do Sistema Único de Compensación Rexional de Pagamentos (Sucre), que se establecerá como moeda común, e promoverá un verdadeiro mecanismo de integración rexional. A materialización deste sistema serve como mecanismo financeiro de integración rexional para reducir a dependencia do dólar.

O presidente Chávez detallou, que esta moeda nascerá de xeito virtual, para impulsar o comercio através dunha cámara de compensación de pagamentos con 4 entes: Consello Monetario Rexional. A unidade de conta común Sucre, como moeda virtual, pero con proxección a converterse en moeda física, "para quitarnos a ditadura do dólar". A cámara central de compensación e o fondo de reserva e converxencia comercial.
 
 Saint Vincent and the Grenadines formalizarán ingreso á ALBA
 
O próximo Estado en sumarse á  ALBA será Saint Vincent and the Grenadines . Así o afirmou o seu primeiro ministro Ralph Gonsalves na xuntanza deste organismo multilateral, que se realizou eonte xoves en Cumaná, Venezuela.

O primeiro ministro sanvicentino manifestou que este país do Caribe oriental está listo e desexoso de participar como membro da ALBA.

"En febreiro de 2007, tres países da Comunidade do Caribe (Caricom): Antigua and Barbuda, Dominicana e Saint Vincent and the Grenadines  asinaron os principios da ALBA. Dominicana uniuse á ALBA, Saint Vincent and the Grenadines  están listas para participar na ALBA".

Nas súas palabras Gonsalves valorou a análise realizada na VII Cimeira da Alba verno a actual crise económica mundial, "é unha crise profunda da globalización capitalista, tivemos moitas crises económicas pero esta é cualitativamente distinta a calquera outra que presencie o mundo".

"Agora máis que nunca hai unha desconexión entre o capital financeiro e a produción de servizos reais para os pobos, o cal motivou unha especulación que se transformou en estafa, o que chama Fidel un capitalismo de casino, de perdedores e gañadores, os pobres e os traballadores son xustamente os perdedores".

Para o primeiro ministro Gonsalves, esta crise non implica un problema regulador, porque detrás da falta de regularización atopamos a preocupación ideolóxica de Reagan e de Thatcher acerca da presenza do Estado na política económica.

"Institucións coma o Caricom e a ALBA son vitais para moldear respostas á crise da globalización capitalista. Considéroa unha crise porque os países avanzados non saben como saír da crise, cando lemos a declaración do G-20 vemos que non hai unha resposta estratéxica".

Sobre o anuncio da intención de Saint Vincent and the Grenadines  de ingresar á ALBA, o presidente Hugo Chávez expresou a satisfacción dos países membros.

"Estamos felices polo ingreso de Saint Vincent and the Grenadines como membro pleno da ALBA. A ALBA se vai converter na continuación da convocatoria do Congreso Anfictiónico de Panamá", dixo en alusión ao Congreso convocado por Simón Bolívar no século XIX.


Ligazóns

4.56/5 (9 votos)