Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Por temor a que se converta nun foro antisemita

Boicot internacional á cimeira da ONU contra o racismo

Varios países, encabezados polos EUA, decidiron non enviar os seus representantes. Porén, Francia e o Reino Unido xa confirmaron asúa asistencia.

Redacción - 09:00 20/04/2009
O líder iraniano, Mahmoud Ahmadinejad

O líder iraniano, Mahmoud Ahmadinejad

Oito anos despois da Conferencia de Durban, na África do Sur, que definiu unha acenda global anti-discriminación, a Organización das Nacións Unidas (ONU) vai avaliar a vixencia do acordo, e a andado todo este tempo. Dende esta segunda feira até a sexta, a sede da organización en Xenebra (Suíza) será o palco sobre o que se renderán contas en canto ás políticas que os estados membros desenvolveron este tempo para combater o racismo, a discriminación, a xenofobia e outras formas de intolerancia dentro e fóra das súas fronteiras.

Porén, xa houbo un primeiro boicot á xuntanza -chamada Conferencia de Revisión de Durban-, protagonizado polos EUA, ao que se uniron Canadá, Israel, Alemaña, Italia, os Países Baixos, Nova Zelandia e Australia, entre outros países, que se negaron a enviar cadanseu representante ante o temor de que a xuntanza internacional termine converténdose nun foro de debate antisemita. Ante esta actitudes, a responsábel de Dereitos Humanos da ONU, Navi Pillay, sinalou que estaba "conmocionada e profundamente decepcionada". "Unha manchea de estados permitiron que unha ou dúas cuestións que dominan o seu enfoque sobre este problema, lles permitan superar as preocupacións que numerosos grupos de persoas teñen sobre o racismo e outras formas similares de intolerancia", sinalou Pillay.

Medo a que se queira comparar o sionismo co racismo
Cómpre lembrar que hai oito anos, na cimeira de Durban, algunhas ONG presentes realizaron comentarios considerados antisemitas, dirixidos ao estado de Israel, e que houbera, tamén, un intento falido, por parte dalgúns países, de comparar o sionismo co racismo. Para non permitir que se repetisen este tipo de escenas, dende a ONU redactaron unha declaración final, que asinarían todos os presentes, cun discurso moi suavizado e na que se eliminaron todas as referencias a Israel e a Oriente Medio. Neste texto, alén da cuestión racial, tamén se abordarían outros temas como a relixión e a liberdade de expresión, de difícil consenso entre as nacións de Oriente Medio e Europa.

Porén, este ano todas as olladas dos representantes dos países occidentais están postas no líder iraniano, Mahmoud Ahmadinejad, xa que a súa presenza nesta xuntanza causou arrepíos en Israel e nerviosismo na ONU. Hai que lembrar que o presidente iraniano negou o holocausto, e podería empregar a súa quenda de palabra na conferencia para repetir os seus numerosos ataques contra Israel, un feito que estragaría unha xuntanza que pretendía ser, segundo as Nacións Unidas, un exemplo brillante da unidade internacional contra a discriminación.


1/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: