Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cara á asemblea de maio

Aymerich defende que o BNG xunte a portavocía nacional e a parlamentaria

O líder do colectivo Máis BNG advirte de que sería "un luxo" prescindir da voz institucional.

Europa Press - 09:00 21/04/2009

O líder do colectivo Máis BNG, Carlos Aymerich, defendeu este luns que se compaxinen a portavocía da formación frentista coa parlamentaria (que el mesmo ostenta neste momento), posto que, na súa opinión, "sería un luxo prescindir da principal plataforma", como son outras institucións, apuntou.

En conferencia de prensa en Santiago, Aymerich, que opta a liderar o Bloque, dixo entender a "lexítima demanda" de Alternativa pola Unidade, candidatura que lidera Guillerme Vázquez, e impulsa a UPG, para que cada cargo o ocupe unha persoa distinta, pero defendeu sumar ambos os dous cargos e argumentou que, no seu momento, Xosé Manuel Beiras xa os compatibilizou.

Asimesmo, avisou de que o BNG "non se pode permitir unha etapa transitoria" entre esta asemblea e a próxima ordinaria, que se celebrará en algo máis dun ano. Esta interinidade é a que propugna o Encontro Irmandiño, que impulsou as chamadas Listas Abertas, ás que se sumaron Esquerda Nacionalista e independentes como Camilo Nogueira. "Non podemos perder nin un só día se queremos unha alternativa ao PPdeG liderada polo nacionalismo", expuxo Carlos Aymerich para argumentar o seu rexeitamento a unha etapa transitoria.

Debate na asemblea
Así, o tamén voceiro do grupo parlamentario apostou porque da asemblea saia un "BNG unido" e no que "todos traballen detrás do BNG e respondan á vontade libre" da formación. "Non sobra ninguén porque todos somos necesarios", asegurou, e advertiu de que "non pode haber alianzas en contra de ninguén".

Desta forma, Aymerich, que estivo acompañado pola deputada e ex conselleira Teresa Táboas, apostou por que os pactos entre as distintas candidaturas se realicen "despois de coñecer" a expresión dos votos da asemblea. "Temos a obriga de saír cun BNG máis unido e con impulso, iso obriga a buscar puntos de encontro e alcanzar acordos, pero despois das votacións", esgrimiu.

"Cando se coñeza cal é a vontade da asemblea, será o momento de falar", aseverou Aymerich, que defende que a elección dos primeiros 50 membros do Consello Nacional se leve a cabo coa opción de votar polas tres listas presentadas de delegados (ás que hai que sumar algunhas candidaturas locais). Tras a elección do Consello, débense presentar as candidaturas á Executiva Nacional, que se conforma con membros deses 50.

Presentación do proxecto
Durante a súa intervención na rolda de prensa, Aymerich tamén destacou que o proceso de delegados "non é só democrático, senón que incentiva máis a participación". "Máis de 5.000 militantes participaron na elección dos 2.500 delegados", subliñou. Ao "conxunto" de representantes, Aymerich presentaralles a súa "proposta" na asemblea e durante as próximas semanas até o plenario do 10 de maio. Entre outras cuestións, reivindicará un BNG "con futuro e unha organización con vocación de ser a forza maioritaria de todos os galegos".

Segundo os datos provisionais das asembleas comarcais, unhas oito prazas quedaron sen cubrir debido á necesidade de manter a proporción do 40% como mínimo para as mulleres. Sobre se se completarán as candidaturas cunha emenda ao regulamento que o permita, Aymerich rexeitou pronunciarse sobre este asunto e recordou que o Consello Nacional se reunirá o próximo sábado 25 e que, nel, se poderán tratar esta e outras cuestións.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: