Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CENTOS DE EXPLOTACIÓNS PODEN TER QUE PECHAR

O sector leiteiro, afogado pola caída dos prezos, anuncia unha tratorada nacional

Os tres sindicatos maioritarios en Galiza anuncian que, se o goberno español non reacciona, sairán ás estradas o vindeiro 28 de maio.

Redacción - 18:00 23/04/2009
Tags: leite prezos

Hai unidade sindical. Representantes das tres principais organizacións agrarias do país (SLG, XX.AA e UU.AA) coinciden en que a situación que viven as familias con granxas de leite é dramática.  Por iso, piden que o goberno español empregue todos os recursos que ten na súa man para impedir que as empresas sigan a abaratar o prezo do leite en orixe. Ás peticións sindicais uniuse este xoves a Asociación Galega de Cooperativas (Agaca). Os gandeiros ameazan cunha tratorada nacional para o vindeiro 28 de maio. Mentres, á espera de que o executivo estatal atenda as peticións, haberá concentracións nas principais bisbarras de Galiza.

Na actualidade, arredor de dez mil familias galegas seguen a ter a venda de leite como principal recurso de subsistencia. A actividade segue a ser o motor económico en diferentes comarcas rurais, especialmente nas provincias da Coruña, Lugo e norte de Pontevedra. Os sindicatos consideran que nos vindeiros meses a crise de prezos pode levar ao abandono a unha boa parte das granxas galegas.

Piden o apoio de Feijoo
Os sindicatos queren o novo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, tome partido a prol dos gandeiros. O secretario xeral de Xóvenes Agricultores, Francisco Bello, (un sindicato tradicionalmente próximo ás teses conservadoras) advertiu que, debido a magnitude do problema, non se lle poden dar unha marxe de 100 días ao Goberno, por iso demanda unha xuntanza con Feijoo nos vindeiros días.

A tratorada, unha medida de presión na década dos 80 e 90
Dende que en 1986 o Estado Español ingresase na Unión Europea, o sector agrogandeiro galego sufriu a maior reconversión da súa historia. A medidados dos oitenta perto de 100 mil familias galegas eran donas de explotacións leiteiras. Na actualidade o número quedou reducido a pouco máis de 10 mil.

O sector leiteiro ten librado importantes pulsos sindicais empregando como arma as tratoradas. Na década dos 80 as protestas contra a cota de produción fixo que milleiros de gandeiros saísen ás estradas de todo o país para protestar. A última tratorada nacional tivo lugar o 20 de xaneiro de 1998. Naquela ocasión, corenta gandeiros foron detidos e tres resultaron feridos en enfrontamentos coa Policía e Garda Civil.


4.56/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: