Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Avaliación do colectivo InspirAction

A evasión fiscal impide a consecución dos Obxectivos do Milenio

Denuncia do burato nas facendas que causan, principalmente, as grandes multinacionais que eluden o pago de impostos.

Yolanda Téllez - Canal Solidario - 12:00 25/04/2009

Os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, fixados por Nacións Unidas, aspiran a reducir á metade a pobreza mundial en 2015. Pero, agora que nos atopamos ante unha situación mundial de crise económica, onde os gobernos están reducindo as súas axudas ao desenvolvemento, de onde sairá o diñeiro? InspirAction, organización de loita contra a pobreza, explica que o diñeiro necesario para alcanzar estes obxectivos xa está dispoñíbel. "Só fai falta que quen o ten, principalmente as empresas multinacionais, pague os seus impostos e que os gobernos non permitan que se produza esta situación", sinalan.

A evasión fiscal provoca que os países en desenvolvemento perdan cada ano perto de 130 mil millóns de euros. América Latina, por exemplo, perdeu o ano pasado 50 mil millóns de euros, segundo datos de InspirAction. "Unha cifra que serviría para financiar o desenvolvemento do mundo enteiro", afirma Serene Assir, responsábel de Relacións Institucionais e Comunicación da entidade.

"Para as empresas e os países ricos, a evasión fiscal é unha forma de aumentaren os seus ingresos e mellorar a súa competitividade no mercado global pero, para os países en vías de desenvolvemento, supón condenar á pobreza e á morte prematura millóns de seres humanos. A evasión fiscal provocaría a morte de 5,6 millóns de nenos nos países en desenvolvemento entre 2000 e 2015". "Son 1.000 nenos ao día: a metade xa morreron", sinalan desde a organización.

"Se se pagasen os impostos que se evaden, habería diñeiro dabondo"
"O Banco Mundial estima que alcanzar os Obxectivos do Milenio da ONU custaría entre 30 mil e 50 mil millóns de euros, asumindo que melloren as políticas e as institucións dos países en desenvolvemento", advirten nun informe. "Se se pagasen os impostos que se evaden, habería diñeiro dabondo", afirman.

Un exemplo moi claro de todo isto, conta Serene Assir, é o caso de Bolivia, país onde leva anos loitando, a nivel popular, por unha maior xustiza fiscal. En 2008, creouse unha lei para que as industrias de hidrocarburos pagasen un 50% máis de impostos do que estaban pagando. "Non se mediron aínda os efectos, pero os promotores que temos traballando na zona, afirman que a calidade da sanidade mellorou drasticamente", felicitan. "A consecución dos Obxectivos do Milenio non é imposíbel, senón que hai que recoñecer onde cae a responsabilidade", engade.

Transparencia país por país
A Xunta de Normas Internacionais de Contabilidade International (Accounting Standards Board, IASB) é o organismo privado que estabelece as regras para a presentación das contas financeiras das empresas, até tal punto que máis de 100 gobernos de todo o mundo, incluídos a maioría dos estados europeos, converten as recomendacións deste organismo en leis que regulan as actividades financeiras.

"Na actualidade, existe un sistema que permite ver quen paga que, e onde, pero só dunha forma global, de xeito que os impostos pagados aos países en vías de desenvolvemento son os menores", manifesta Serene Assir.

Por iso, ante esta situación, InspirAction lanzará unha campaña para que este organismo aprobe unha lei que pida transparencia país por país, para evitar así a evasión fiscal e conseguir alcanzar os Obxectivos do Milenio, xa que a organización considera que "hai unha carencia de compromiso por parte dos estados e as multinacionais". "Quizá dentro da RSC teñan en conta os Obxectivos do Milenio pero, na realidade, os efectos das súas políticas en relación á fiscalidade, non é así", sinalan.

Desta forma, InspirAction traballa para ser portavoz dos máis desfavorecidos e acabar así coa pobreza e a inxustiza, a través de campañas que introduzan solucións, mediante as súas contrapartes, organizacións locais que traballan en 49 países de todo o mundo.


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: