Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN FOLGOSO

Ábrese a porta para unha moción de censura no Courel

Un concelleiro socialista abandona o PSdeG e deixa o grupo de goberno en minoría con catro edís, os mesmos cos que conta o PPdeG.

Redacción - 14:00 27/04/2009

Xa está confirmado. O concelleiro de sanidade de Folgoso do Courel, Manuel Bouza Caro (PSdeG) abandonou o partido socialista e deixa en minoría ao grupo de goberno. A corporación municipal está formada por nove edís, cinco do PSdeG e catro do PPdeG polo que, logo desta renuncia, o futuro político do concello está no aire. Bouza Caro remitiu un escrito no que facía efectivo o seu abandono do partido, mais confirmou que non deixa a acta de concelleiro e que pasará a ser non adscrito, o que fixo saltar todas as alarmas e xerou diferentes rumores sobre unha posíbel moción de censura.

Non se agardaba
"Non descarto nada", di o alcalde de Folgoso do Courel, Xosé López Fontal (PSdeG) ao respecto do futuro e asegura que "nos vindeiros días iranse desvelando todas as cartas". O rexedor municipal confirmoulle a Vieiros a recepción do escrito de renuncia e asegurou que para el foi unha "auténtica sorpresa": "non tivemos ningún tipo de conflito nin desavinza; máis ben todo o contrario, todos no grupo municipal nos levamos moi ben e estabamos moi unidos".

Sobre o ritmo dos acontecementos, López Fontal asegura que todo está sendo moi "sospeitoso": "é que nunca nos dixo nada sobre posíbeis desacordos co grupo de goberno, nin tivemos discusión algunha... e de súpeto vénnos con este escrito, sen máis, sen falar sequera con ningún dos seus compañeiros". Ademais, o PSdeG municipal reclámalle a Bouza Caro que devolva a súa acta. "El acadou un cargo de concelleiro por formar parte dunhas listas, que son as do noso partido, non por outra cousa, que nin sequera era coñecido aquí no Courel", explica o alcalde, "agora o propio sería que, se non está conforme co que estamos facendo, que devolvese a súa acta e deixase paso a outro socialista".

"El di que se vai manter nunha posición de apoio ao goberno, que vai axudar máis ao Courel dende a independencia, pero a min sóame a música celestial", opina o alcalde, quen asegura non ter moi claro cal vai ser o próximo movemento do edil. "A min paréceme, cando menos, dubidoso, pero o que poida pasar xa o veremos e, entón, cada un terá que render contas ante os veciños do que faga", insiste.


Ligazóns

3.4/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: