Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Só Touriño non terá portavocía de área

O PSdeG confirma a Leiceaga como voceiro parlamentario con Barcón e Losada de adxuntos

O secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, será presidente di grupo, intervindo nos grandes debates.

Redacción - 19:15 28/04/2009

A voceiro e secretaria de Coordinación, Acción Electoral e Política Municipal do PSdeG, Mar Barcón, e o deputado por Pontevedra Abel Losada exercerán de voceiros parlamentarios adxuntos no Grupo Socialista durante esta lexislatura, na que só o ex presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño non contará con área determinada onde exercer portavocía.

Ademais, na nova estrutura do Grupo dos Socialistas no Parlamento, o secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, será presidente, co que intervirá nos grandes debates, como o do Estado da Autonomía, para poder contrapoñer o seu novo liderado co de Alberto Núñez Feijoo. Pola súa banda, Xaquín Fernández Leiceaga continuará desempeñando o labor como voceiro, que até o de agora exercía de xeito provisional mentres non se celebraba o congreso extraordinario que elixiu a dirección do partido e o substituto de Emilio Pérez Touriño.

A preguntas dos xornalistas, Leiceaga xustificou que o ex líder socialista non sexa voceiro de ningunha área concreta, só figura como representante na Comisión do Regulamento, na idea de que o seu papel na Cámara "transcende á propia dinámica parlamentaria". "Esperamos que no seu papel de ex presidente poida render os seus mellores froitos", resolveu o socialista. De feito, os socialistas prevén que o anterior secretario xeral do partido non prolongue a súa estanza nas bancadas do Pazo do Hórreo máis alá da fin deste curso político.

Pola súa banda, o ex voceiro parlamentario do PSdeG na pasada lexislatura, Ismael Rego, será o presidente da Comisión de Economía, a única que preside a oposición, e tamén exercerá como voceiro socialista na Comisión do Estatuto do Deputado. Non obstante, é o único deputado socialista, xunto con Touriño e con Ricardo Varela (que está na Mesa do Parlamento) que non conta con área específica asignada para exercer como voceiro socialista. A maiores, Leiceaga confirmou que a Comisión Permanente estará formada polo presidente do grupo, o voceiro e os dous voceiros adxuntos xunto co secretario xeral técnico, Xosé Manuel Lage Tuñas, e as vogais Concepción Burgo, Modesto Pose, Laura Seara e Beatriz Sestayo. Todos eles, segundo o voceiro socialista, levarán a cabo un traballo "moi activo" na dinámica parlamentaria.

Grupo homoxéneo
Ademais, o voceiro parlamentario do PSdeG destacou que a reunión mantida este martes serviu para tratar de crear "un grupo de traballo serio, homoxéneo, con capacidade en cada unha das áreas e que aproveite as calidades de cada un dos deputados". Así, resaltou que todos os parlamentarios están integrados no labor de oposición porque "todo o mundo conta, todo o mundo ten capacidade de expresar o mellor de si mesmo". Por iso, todos os deputados, agás Touriño, figuran cunha portavocía de área adscrita, malia que algúns saíron da dirección socialista elixida no congreso extraordinario da pasada fin de semana. Así, a ex conselleira María José Caride será a voceiro de área en Facenda e Orzamentos; un dos promotores do manifesto 'Sumando Ideas', Xosé Manuel Lage, serao na de presidencia; e Francisco Cerviño na de lingua e na Comisión do Valedor.

Na mesma liña, referiu que o propósito da nova estrutura parlamentaria é que o labor de oposición sirva para "formar Goberno rápido", posto que o seu partido ten "vocación de formar goberno" en próximas citas electorais e "de anticiparse" á resolución dos problemas da xente, "facendo que as barreiras entre o Parlamento e a rúa sexan cada vez menores".

"Hai que trasladar as dificultades dos cidadáns á vida parlamentaria", insistiu Leiceaga, ao tempo que asegurou que, "con estes vimbios", os socialistas galegos levarán a cabo unha oposición "intensa, seria e responsable". Neste sentido, avanzaron que rexistrarán distintas iniciativas sobre cuestións relacionadas coa economía e o emprego, dada a "lentitude" coa que, ao seu xuízo, actúa a actual Xunta para vencer a crise. "Por aí irán as principais iniciativas", asegurou.

Estrutura final
Os socialistas tamén nomearon responsables para cada área. Así, en Presidencia será o voceiro Xosé Manuel Lage; en Xustiza e Administración Local, Beatriz Sestayo; en Ordenación do Territorio, Mar Barcón; en Obras Públicas, Pablo López Vidal; en Medio Ambiente, Carmen Gallego; en Facenda, María Xosé Caride; en Educación, Guillermo Meijón; en Cultura, Concepción Burgo; e en Lingua, Francisco Cerviño.

Como voceira de deportes foi designada Carme Acuña; de Sanidade, Modesto Pose; de Políticas Sociais, Laura Seara; de Emprego, Xosé Tomé; de Xuventude, Silvia Fraga; de Economía, Abel Losada; de Minas, Carmen Acuña; de Turismo, María Quintas; de Agricultura, Sonia Verdes; de Pesca, Marisol Soneira; de Portos, Manel Gallego; da CRTVG, Xosé Luís Méndez Romeu; do Valedor, Francisco Cerviño; e do consello de contas, Abel Losada.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: