Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓN NA FUNDACIÓ MIRÓ: "KIKI SMITH. HER MEMORY."

Memoria de loitas, de corpos femininos. Memorias de seu.

Instalacións dunha artista consagrada e heterodoxa. Cousa rara. Unha exposición de rápido percorrido iconográfico e, por contra, de lentas e diversas lecturas iconolóxicas.

Lito Caramés - 22:00 28/04/2009

A exposición temporal que agora alberga a Fundació Miró de Barcelona (Kiki Smith. Her Memory) preséntanos as creacións actuais dunha artista recoñecida e loitadora. Nas instalacións articuladas en Montjuïc, Kiki Smith reconstrúe a súa casa, a súa memoria, como quen recupera e vive a súa propia vida. Kiki Smith está considerada unha artista feminista, tal é a súa posición artística e social. Declárase admiradora das primeiras mulleres que loitaron polos dereitos civís (que lles estaban negados ás mulleres polo simple feito de selo) e pola emancipación das mulleres. A morte do pai (Tony Smith, arquitecto e escultor) e mais a dunha irmá (Beatrice) conmociona a Kiki. A súa obra ten bastante de exorcismo e terapia dos seus traumas familiares.

As creacións de Kiki Smith xiran como a espiral vital arredor do traballo feito desde o corpo e desde a sensibilidade feminina. Procura reflexionar sobre o sentido que ten a estancia transitoria neste planeta: a vida. E, coherentemente, sobre a morte, como parte indisociable da primeira. E non renega de ningunha técnica, nin de ningún material. As súas obras combinan artesanía e arte, pintura e escultura, papel e aluminio, ferro e madeira, bordados e vidro. A querenza pola artesanía (polo seu propio traballo manual) forma parte da súa coherencia ideolóxica. Kiki Smith reivindica a historia das mulleres, xa medieval, xa antiga, xa contemporánea. Na exposición Her Memory todo iso está presente. É cousa de observar e deducir.

Anunciación.

Segundo a propia Kiki Smith, toda a montaxe que agora se pode ver en Montjuïc (Her Memory) nace da súa admiración pola obra de Prudence Punderson, The First, Second and Last Scenes of Mortality (1783). A artista séntese próxima ás penalidades e traballos das mulleres que viviron en EEUU no século XIX. The First, Second and Last Scenes of Mortality é un bordado sobre seda que representa toda a vida dunha muller, desde o berce até o ataúde (un segundo berce). Ao pé do berce está unha criada negra, e sobre a caixa hai debuxadas dúas letras: P P (non asociar á morte dalgún partido político), o que vén indicando que a autora (Prudence Punderson) xa representou o seu propio final.

Her Memory fai o percorrido vital dunha muller (a semellanza do que Prudence Punderson fixera en The First, Second and Last Scenes of Mortality) coa diferencia que Smith deixa fóra a infancia e presenta as súas visións na idade madura e chega até a morte. Un ciclo vital que ben pode ser o da mesma Kiki Smith. Para seguir o itinerario da muller-artista bota man da mitoloxía, xa clásica (as sibilas), xa cristiá (escenas da vida de María, a nai de Xesús de Nazaret). Na sala que titula Anunciación, onde se mesturan referencias cristiás con mulleres, pombas e raios divinos, hai tamén metáforas feministas. A Anunciación a María de que vai vir un neno é aproveitado para dicir que, no seu caso (no de Kiki Smith), a artista é visitada pola inspiración (sexa pomba ou non) para que xurda a creación artística: o nacemento da obra de arte. Noutras cidades onde mostrou estas creacións (adaptadas sempre aos espazos concretos dos que dispón para ordenar as súas instalacións), titulounas Her Home, o que aínda abunda máis na idea de que a artista recrea o seu propio ciclo vital.

Kiki Smith é unha artista do século XXI que se inspira na arte popular e mais na arte medieval. O tema da Anunciación é unha mostra do interese que seguen espertando hoxe as representacións de hai moitos séculos. Que atractivo seguen a ter as vellas táboas para nós? Neste mundo globalizado, laico e materialista, volvemos os ollos ás representacións do divino. A creación (xa poética, xa pictórica) é un xeito de divindade?

Provocadora.

Kiki Smith leva anos sendo unha creadora heterodoxa e provocadora. A súa obra Tale (unha muller espida e a catro patas caga tripas e feces) é unha absoluta irreverencia ao bo gusto e ás pezas de arte "correctas". A súa obra non é cómoda. Os temas tratados e os enfoques escollidos non son convencionais. Na Fundació Miró, por exemplo, hai debuxados e construídos en madeira varios ataúdes, referencias directas a un tema (a morte) que a actual sociedade -adoradora do becerro da eterna xuventude- agocha e relega a asépticos tanatorios dos arrabaldes.

Outras mulleres, antes, xa andaron eses vieiros de liberdade. En Madrid (Fundación Juan March) pódese contemplar agora unha antolóxica da artista brasileira Tarsila do Amaral na que se poden ver algunhas das pezas máis representativas da creación da grande pintora brasileira (entre elas A Negra, 1923, e Antropofagia, 1929). Esta importante mostra viaxa a Santiago (Fundación CaixaGalicia) no mes de maio.

Tamén rachadora foi Maruxa Mallo, a pintora nada en Viveiro e compañeira de Lorca, Alberti ou Dalí. Dela dixo a súa amiga María Zambrano que fora o ser máis libre que coñecera. Baixo a inspiración surrealista tamén elaborou series onde a morte e o paso do tempo eran os eixos das pezas. André Breton mercoulle unha delas (Espantallo, 1930). Cando se exiliou en 1936 en América, levou canda si o lenzo Sorpresa del Trigo, do mesmo ano. Parece ser que a Fundación CaixaGalicia prepara unha importante mostra de Maruxa Mallo para finais deste ano.

EXPOSICIÓN: Kiki Smith. Her Memory.

Fundació Miró (Montjuïc - Barcelona)

Horario: de martes a sábado, de 10 a 19 h., domingos, de 10 a 14,30 h.

Até o 24 de maio de 2009.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Anunciación, Kiki Smith
Anunciación, Kiki Smith
A súa circunstancia (dúas lámpadas) 2007, Kiki Smith
A súa circunstancia (dúas lámpadas) 2007, Kiki Smith
Singer, 2008, Kiki Smith
Singer, 2008, Kiki Smith
Visitación do paxaro (detalle), 2007, Kiki Smith
Visitación do paxaro (detalle), 2007, Kiki Smith