Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
1 de maio

Declaración institucional da Xunta e promesa de "plan de choque"

O Goberno anunciou un equipo de traballo interdepartamental para botar adiante a promesa anunciada por Núñez Feijoo no seu discurso de investidura.

Redacción - 09:30 01/05/2009

Esta mesa de traballo, que estará pilotada pola Consellaría de Traballo e na que participarán tamén os departamentos de Facenda e Economía, será a encargada de elaborar un paquete de medidas para enfrontar á actual situación de crise económica e "reactivar" o mercado laboral en Galiza, segundo a promesa do Executivo.

Segundo informou a Xunta, a comisión tratará nunha primeira fase a confección dun borrador de medidas que será debatido posteriormente cos axentes sociais para intentar "consensuar" un programa que recolla os mecanismos "máis urxentes" co obxectivo de facer fronte á "sangría" de desemprego que afecta o país. Posteriormente, está previsto elaborar un programa a executar a máis longo prazo, encamiñado a "reactivar" a economía e "impulsar" o emprego. Unha iniciativa avanzada por Alberto Núñez Feijoo durante o seu discurso de investidura e que foi criticada polos voceiros parlamentarios da oposición pola súa "inconcreción" e ausencia de ideas específicas.


Por outro lado, a Xunta achegou a seguinte "declaración institucional" con motivo deste Día Internacional do Traballador:

"Cumprindo cos compromisos adquiridos co pobo galego, o Goberno galego ten como un dos seus obxectivos a superación da situación de crise económica pola que atravesa o noso mercado laboral.

Ante as actuais cifras de paro que minguan o benestar das nosas familias, máis ca nunca poñémonos a traballar sen demora para que esta situación mude.  

Por iso, cómpre mirar de fronte o que temos diante e, desde a responsabilidade, recoñecer que a situación económica existente actualmente en Galicia ao igual ca no resto do Estado español non é a que o Goberno galego e todos os traballadores e traballadoras desexamos.

Pero con ser preocupantes estes datos, o que nos debe guiar é a necesidade de xerar confianza dende as institucións, algo que resulta imprescindible para afrontar a recuperación económica. O que toca agora é que os gobernos, todos os gobernos, recuperen a credibilidade e o rigor.

E así, neste Día Internacional do Traballo, día de conmemoración do movemento obreiro mundial, o Goberno galego máis ca nunca quere declarar o seu apoio aos dereitos dos traballadores e traballadoras galegos e que non escatimaremos esforzos para facer real e efectivo o precepto constitucional do dereito ao traballo.

Que as nosas empresas poidan producir e manter o emprego, así como crear novos postos de traballo e que as relacións laborais se desenvolvan nunhas condicións laborais estables, iguais, saudables e seguras para os traballadores e traballadoras que prestan o seu traballo na nosa comunidade son os retos que trataremos de alcanzar.

Sabemos do importante e arduo esforzo que isto nos vai requirir pero temos a ilusión e a convicción de que o acadaremos entre todas e todos os actores que interveñen no mundo laboral.

É por isto que, aproveitando esta data de conmemoración, reiteramos o noso compromiso da defensa dunha política social e económica que xere máis emprego e de maior calidade, a defensa dun emprego digno e dun mercado laboral dinámico que posibilite o desenvolvemento da nosa economía.

A folla de ruta no eido laboral será, a través das ferramentas do diálogo permanente e do consenso, porque só así seremos, entre todos, capaces da sacar adiante esta situación.

O noso reto é, polo tanto, dar oportunidades a todos os galegos e galegas cunha boa política de emprego para garantir a competitividade da nosa economía e o seu benestar futuro.

Así é como queremos que se conmemore este día, coas ilusións renovadas e coa perspectiva de conseguir que Galicia recupere a creación de emprego, invertendo a actual tendencia de destrución".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: