Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Contas trimestrais

Caixanova pecha balance até abril cun incremento de negocio do 6,7%

O beneficio antes de impostos quedan en 31,8 millóns, un 25% menos que no mesmo treito o ano anterior.

Redacción / Europa Press - 10:30 01/05/2009

O volume de negocio de Caixanova creceu un 6,7% durante o primeiro trimestre de 2009, co que alcanzou os 42.893 millóns de euros. O investimento crediticio aumentouse nun 7,2% no mesmo período, mentres que os recursos de clientes foron un 6,9% máis, o que resultou no devandito volume de negocio.

Así o explicou o director xeral da caixa, Xosé Luis Pego, aos membros do Consello de Administración, reunidos este xoves na cidade de Ourense. O responsábel de Caixanova destacou que a entidade conseguiu "conter" o índice de morosidade, caeu unha décima en marzo, e inverter, así, a "evolución alcista" do último ano. Deste modo, sitúase no 4,56% e rexistra un índice de cobertura do 67,8%.

O resultado antes de impostos entre xaneiro e marzo foi de 31,8 millóns, o que significa un 25% menos con respecto ao beneficio obtido no mesmo trimestre de 2008. O resultado neto rexistrou unha variación similar e ascendeu a 28,5 millóns de euros. En canto á marxe de intereses, incrementouse un 29,1% no último ano. Caixanova subliñou que este é o indicador que "reflicte a saúde da evolución do negocio tradicional".

Reforzo do fondo de insolvencia
A caixa indicou, ademais, que o seu fondo de insolvencia se viu reforzado nos tres primeiros meses do ano e ascende agora a 575 millóns de euros, máis dun 3% do volume de investimento crediticio. "Este importante aumento debeuse á prudente política de dotacións levada a cabo pola entidade, grazas á cal conta cun exceso de cobertura de 116,5 millóns de euros, un 25,4% máis do mínimo esixido," agregou Pego.

O director xeral de Caixanova sinalou que a caixa creceu un 7,7% en créditos persoais e un 5,1% en empréstitos hipotecarios. Así, dixo que "continúa ofrecendo liquidez a particulares e empresas", malia a ralentización xeral do negocio financeiro. Ademais, en canto aos recursos de clientes, os depósitos a prazo ascenderon un 23,6% e as contas correntes un 2,9%.

Emisión de participacións preferentes
Pego explicoulles aos conselleiros xerais que Caixanova solicitou á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) que aprobe unha emisión de participacións preferentes por valor de 130 millóns de euros, de modo que poida mellorar o seu Tier 1 até o 6,82% e situar o coeficiente de solvencia no 11,59%. Prevé comercializar estas participacións a finais de maio.

Por outro lado, durante o primeiro trimestre do ano a entidade organizou 1.649 actividades, nas que participaron 815.029 persoas, dentro da súa obra social. Estas cifras, indicou o responsábel da caixa, están "lixeiramente por enriba" das do mesmo período do ano pasado e entre elas destacou as dirixidas a fomentar o emprego, a formación e o apoio aos sectores produtivos.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: