Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Nelly Maes, presidenta flamenga da ALE

"Para nós é unha vergoña que partidos racistas se chamen a si mesmos nacionalistas flamengos"

A candidata ao Parlamento Europeo polo Partido Social Liberal de Flandres (SLP, antigo Spirit), analiza nesta entrevista a importancia da lingua propia na conservación da identidade dun pobo.

Fernando Arrizado - 13:00 04/05/2009
Nelly Maes

Nelly Maes

Nelly Maes (Sinaai, Flandres, 1941), ex deputada europea, encabeza a lista do Partido Social Liberal de Flandres (SLP, antigo Spirit) ás eleccións do 7 de xuño. Actualmente, preside a Alianza Libre Europea (ALE), partido europeo que agrupa varias formacións nacionalistas da UE, entre outras, o BNG. Tamén está a fronte do Instituto Flamengo pola Paz, e dende 1977 e edil no Concello de Sint-Niklaas.

Vieiros
: Por que considera que para a cidadanía europea é mellor unha Europa dos Pobos e non unha Europa dos Estados como a actual?

Nelly Maes: Son consciente de que o tratado foi elaborado polos estados, mais hai que ir moito máis alá. A cidadanía europea vive nas súas propias comunidades, e polo tanto é absolutamente necesario que os auténticos arquitectos de Europa sexan as rexións e as nacións -nós chamámoslles 'rexións', mais sei que é diferente no seu caso, que se usa o termo 'nación'; coas súas culturas e as súa linguas, alí onde as persoas desenvolven a súa vida diaria ... o primeiro paso a un mundo máis amplo.

Mais debido a que os estados tenden a mirar polos seus propios intereses como estados, é que os pobos de Europa, as nacións, están sometidas aos poderes políticos destes. Ademais, considero que os estados non son bos de abondo para crear unha Europa unida. O mellor camiño para a Europa solidaria que queremos é coas rexións en cooperación cos estados.

Supoño que esta defensa que os estados da UE fan dos seus intereses será moi difícil de quebrantar dende as rexións e as nacións, non si?
Certamente, porque temos que actuar ao mesmo tempo tentando gañar máis autonomía dentro dos estados. Cando teñamos o noso propio destino baixo o noso control, poderemos ver quen son os nosos socios para construír Europa. Máis alá dos intereses dos estados, ten que ver coas relacións económicas reais, as auténticas ligazóns culturais.

Por exemplo, cando vexo os vínculos lingüísticos entre Galiza e Portugal, é lóxico pensar que se poden estabelecer contactos moito mellores a través de Portugal que dende Madrid. En Flandres, tamén chegamos a acordos con Holanda en cuestións culturais moi facilmente porque temos a mesma lingua e un tratado asinado para protexela. Tratamos de aproveitar as nosas posibilidades internacionalmente dentro das competencias que xa temos. As linguas teñen ese poder, para chegar a acordos con outras nacións dentro dos estados.

Logo, na situación actual, cales son os obxectivos que a ALE vai presentar nestas eleccións ao Parlamento Europeo?

Queremos unha Europa máis transparente, máis democrática, máis solidaria e equitativa socialmente entre os cidadáns, mais tamén máis equitativa entre cidadáns no dereito a usar a súa lingua propia cando se comunican coas institucións.

Estamos a favor do diálogo directo entre a UE e as nacións, que os fondos estruturais, sociais, ... os negocien as rexións directamente coas comisións, non a través de Madrid. Incluso o agro varía de rexión en rexión. Moitas veces, a UE ten que agardar a que Madrid defina que o que necesita cada rexión. Coido que se debe manter ese diálogo coas nación sen estado aínda que estes non ofrezan a posibilidade de que esteamos presentes nas negociacións, dado que a UE só pode tratar cos estados.

E especialmente estamos a prol dun estatuto para as rexións constitucionalmente recoñecidas, que a teñen Parlamento, Goberno e institucións de seu. Dende a ALE cremos que esas institucións teñen que entrar en contacto, incluso antes de que as capitais estatais iniciasen as conversas.

Como presidenta da ALE que é vostede, que valoración fai desta última lexislatura no Parlamento Europeo?

Non é moi positiva porque non se conseguiu levar o Tratado Constitucional a un bo final, e Lisboa non foi a mellor das solucións. Non hai un compromiso, a situación non é diferente agora porque a crise institucional da UE segue a existir. Non hai un postura común en política internacional, por exemplo. Hai división entre os estados sobre cal deben ser as metas para Europa. Non existe unanimidade sobre se a Unión debería ser máis grande ou máis profunda.

Coido tamén que o señor (José Manuel Durão) Barroso e a Comisión Europea (que este preside) non tomaron as suficientes iniciativas contra a crise. Porque a crise, o desemprego, tratáronse como problemas de Estado e non dende unha perspectiva común europea. Europa debería ser parte da solución, non do problema como a miúdo sucede por culpa da burocracia.

Que contribución podería facer a ALE para paliar a crise económica?
A ALE ten unha tarefa moi importante que facer acercando os pobos de Europa ao centros de decisión e viceversa. Pensamos que Europa é algo moi afastado da realidade, das persoas que sofren a crise. Cando penso nos desastres que sufriu Galiza no pasado, coido que un bo plan non é aquel para o momento inmediato, senón que a longo prazo cómpre crear oportunidades para a xente nas súas propias rexións. É importante tamén apostar pola investigación, non o deixar como un asunto a tratar polos estados. E é de extrema importancia que as nosas rexións e nacións, que teñen as mellores universidades do mundo, poñan en común o seu coñecemento.


NACIONALISMO EN FLANDRES


E dende a perspectiva dos habitantes de Flandres, como ve a cidadanía flamenga as políticas da UE? Son conscientes da situación política noutros pobos e nacións sen estado en Europa?

É un feito que en Flandres hai unha grande arela de autonomía para desenvolver e ter o completo control sobre o noso destino. E sabemos que ese destino non se para nas fronteiras. Somos unha economía aberta e queremos que Europa sexa o marco para estabelecer contactos con outras nacións.

Os flamengos son solidarios coa loita das nacións por preservar a súa lingua porque sabemos canto custou salvar o futuro da nosa en Bélxica. É unha longa historia en que tivemos éxito, mentres que noutras partes baixo a influencia ou o dominio do francés, as linguas orixinarias están perto de desaparecer, como na Bretaña, ou como na parte flamenga de Francia, onde non fica practicamente nada da comunidade flamenga.

Cando vexo a loita de vascos, de cataláns, de galegos, sentímonos moi perto. Sabemos que esa loita nacional e parte da loita social. Porque non estamos a falar simplemente de literatura, é a vida real das persoas e o seu dereito básico a usar a lingua nai nas súas propias rexións. Polo tanto, hai unha certa decepción ente os flamengos polas políticas comunitarias.

Mais malia as críticas polos resultados da UE, podo dicir que a maioría das persoas en Flandres están a favor de afondar nas estruturas europeas. Hai que garantir os dereitos das minorías recollidos nos Criterios de Copenhague (os que definen se un estado pode formar parte da UE), baseados nos dereitos humanos.

Moita xente en Europa considera que non son compatíbeis as políticas sociais coa defensa da identidade nacional, mesmo se asocia nacionalismo con ultradereita e xenofobia ...
Absolutamente. É certo que canta máis xente hai nacionalista, tamén hai da dereita. Nós vivimos iso en Flandres co Vlaams Belang, que é racista e populista. Para nós é unha vergoña que partidos coma ese se chamen a si mesmos nacionalistas flamengos.

Eu estou con outro nacionalismo. Estou co nacionalismo de Esquerra (ERC), do BNG, de EA (Eusko Alkartasuna). Co nacionalismo dalgúns grupos palestinos, o de pobos que tentan preservar os seus dereitos básicos, como os curdos. Estes non son movementos de dereita, son de esquerda.

En Flandres pasa o mesmo. Hai diferentes correntes e tendencias no Movemento Flamengo, mais o movemento en si procura dereitos sociais básicos. Porque ese foi o comezo da batalla pola lingua, non só pola beleza do idioma en si. Foi polo dereito das persoas á educación na lingua propia. Somos os principais defensores dos nosos dereitos básicos, dos dereitos humanos, lonxe do racismo e da violencia. É unha loita humanitaria a que temos os nacionalistas de esquerdas.

De feito vostede é coñecida como 'Rooie Nelly' (Nelly, a Vermella), non si?

Si ... mais ese foi un nome que me puxo un periódico de dereitas. Nunca fun membro de ningún partido comunista, mais sempre tratamos de facer reformas no Estado bélga en colaboración cos socialistas de Valonia. Porque cando queres un proceso pacífico e democrático para desenvolver a túa autonomía, tes que dialogar e procurar intereses comúns con outros grupos para atopar unha boa solución. E isto é o que sucedeu en Flandres antes de cada gran reforma institucional do Estado, que xa fixemos cinco veces e máis que virán; iso pódocho asegurar.


4,65/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: