Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Colaboración de dous grupos de investigadores

A USC e a UDC deseñan un trebello portátil para identificación de persoas pola retina

Investigadores das universidades de Santiago e A Coruña desenvolven un sistema "rápido e rendíbel" desde o punto de vista económico.

Europa Press - 19:45 04/05/2009

Dous grupos de investigadores da Universidade de Santiago (USC) e a de A Coruña (UDC) desenvolven un sistema electrónico portátil para a identificación de persoas a través da imaxe da súa retina, coa fin de que sexa rápido e rendible dende o punto de vista económico.

Así, o Grupo de Visión Artificial da USC avanza na actualidade neste proxecto, no que tamén colabora o Grupo de Visión Artificial e Recoñecemento de Patróns da Universidade d'A Coruña. O equipo coruñés encárgase de extraer a información da árbore que forma a estrutura arteriovenosa da retina, mentres que o compostelán busca crear un sistema portátil, rápido e rendíbel.

O coordinador do proxecto en Santiago, David López Vilariño, explicou, nunha nota de prensa da USC, que os sistema de identificación e autenticación de persoas baseados nas imaxes da retina son "os máis seguros" que existen, pois "non se poden falsificar". Ademais, a estrutura xeométrica que forma a árbore arteriovenosa da retina "é única, xa que non hai dúas persoas coa mesma árbore", agregou. "Os puntos de corte e as bifurcacións dos vasos sanguíneos son aspectos relevantes e exclusivos de cada individuo", apuntou e destacou que a información que se extrae é "moi complexa de analizar".

No proceso captúrase unha imaxe do ollo cunha cámara especial, coa que se obteñen fotografías dixitais en cor do fondo do ollo, chamadas 'retinografías'. Lograr a estrutura da árbore, dixo Vilariño, é unha "operación moi custosa" que se adoita facer cun ordenador, o que a fai "tamén bastante lenta".

Chips como base
Por iso, os investigadores da USC, que traballan na aplicación dos resultados, baséanse en chips fabricados ou configurados para a tarefa de identificación pola retina, "co que se gaña en prestacións".

O coordinador da investigación asegurou que os equipos "xa demostraron a viabilidade" deste sistema e que o seguinte paso é "contactar co sector empresarial" para a súa produción e comercialización, de cara ao sector das instalacións de alta seguridade. Non obstante, este sistema ten outro tipo de aplicacións, entre as que se atopan as médicas.

Vilariño expuxo, ademais, que o grupo da USC desenvolveu un algoritmo "diferente aos que se usan na actualidade" para obter a estrutura da árbore arteriovenosa do ollo. Os investigadores determinan os vasos polas súas paredes externas, en vez de polas internas, como se fai habitualmente.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: