Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ACOSO E IRREGULARIDADES

A tensión laboral na Capitanía de Burela pon en perigo a seguridade marítima

Tres traballadores do organismo denuncian que están a recibir presións e discriminación dende que denunciaron o incumprimento da lexislación lingüística.

Redacción - 10:00 09/05/2009

Traballadores da Capitanía Marítima de Burela denunciaron irregularidades, acoso e discriminación laboral nas oficinas da institución. Segundo explicou un dos afectados, Brais Fernández Prieto, o capitán marítimo, Rafael Casanueva, incumpriu a lexislación, entre outros aspectos, por impedir que o persoal usase a lingua galega nos seus escritos e impedir que o persoal redactase documentos no noso idioma para garantir o dereito á escolla da cidadanía.

Pero as irregularidades que denuncian que comete a directiva da Capitanía van máis alá: dende absentismo laboral reiterado, alcoholismo no posto de traballo, aceptación de agasallos ou desatención de funcións. A presión sobre os traballadores, asegurou Fernández, comezouse a facer máis visíbel a raíz de lle demandar os dereitos lingüísticos ao capitán marítimo e mais ao coordinador de Seguridade Marítima e Inspección, a finais de novembro, co comezo dunha campaña de acoso e discriminación contra estas persoas.

Ao non haber resposta, presentaron unha reclamación perante a Subdelegación do Goberno Español en Lugo e perante a Oficina das Linguas Oficiais. Dende ese momento, dúas traballadoras foron cambiadas de posto de traballo en varias ocasións mentres que a Brais Fernández, inspector de seguridade marítima, quedoulle restrinxido o acceso á información precisa para desenvolver o seu traballo, como comunicarse con armadores e estaleiros para poder emitir informes.

Esta situación causou que os informes que se emiten dende a Inspección non poidan ser fieis á realidade: "Non se sabe se se están a construír correctamente os barcos", o que pode influír negativamente na seguridade marítima. Mesmo se desoíron informes negativos.

Brais, que leva un mes de baixa, puxo este luns en coñecemento da Subdelegación do Goberno Español e do ministro de Fomento, Xosé Blanco, que elude as responsabilidades que se poidan derivar das iregularidades que se están a producir na Capitanía e sobre o que lles poida pasar aos barcos que saian ao mar na zona. "Se non se atallan estas irregularidades, haberá accidentes e as administracións terán responsabilidade moral e xurídica".

Os tres traballadores fixeron pública a situación na Capitanía Marítima de Burela despois de catro meses de falta de resposta por parte das persoas responsábeis da súa xestión. Tamén sinalan o feito de que declararon sobre as irregularidades perante o subdirector xeral adxunto José Piñero, que se desprazou expresamente a Burela en marzo e que agora nega descoñecer todo sobre o asunto.

Os tres traballadores supoñen máis da quinta parte do persoal e cren que non houbo máis denuncias por medo a sufrir as mesmas represalias ca eles. As súas demandas son que se lles restitúan os seus postos de traballo, que poidan exercelos con normalidade, que cesen os acosos e persecucións, que se tomen medidas contra o capitán marítimo e contra o coordinador de seguridade marítima e que se cumpra a lexislación en materia lingüística e se marquen directrices para que non se repitan as situacións de acoso laboral.


4.8/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: