Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Mantense a suspensión á construción

A Xunta formaliza a prórroga da lei dos 500 metros no litoral

O departamento de Agustín Hernández admite a necesidade dun modelo de crecemento urbano "equilibrado e sustentábel".

Redacción - 15:00 14/05/2009

A Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas renovou este xoves a promesa de ter na mesa antes de que acabe o ano un Plan de Ordenación do Litoral. Mentres, o departamento que pilota o conselleiro Agustín Hernández comunica oficialmente que se prorroga a suspensión de novos desenvolvementos urbanísticos nos 500 metros de costa do territorio. A decisión chegou nesta xornada ao Consello da Xunta, subliñándose o carácter "cautelar" da medida, que estende a paralización da construción fixada polo anterior Goberno, cuxa vixencia finalizaba este domingo 17 de maio.

"O crecemento urbano segue a ser necesario, pero debe responder a un modelo de desenvolvemento equilibrado e sostíbel", expón a consellaría nun comunicado, asegurando que ten como obxectivo lexislar para evitar "unha radical transformación do territorio e a paisaxe litoral, sinal de identidade de Galiza". "A falta de adaptación do planeamento á lexislación vixente resulta especialmente grave na zona costeira dado o valor do litoral como recurso natural e ambiental non renovábel", admite a consellaría.

Aproveitarán o traballo feito
O novo equipo da Consellaría de Infraestruturas sinala que o anterior executivo realizou "unha serie de estudos e análises así como unha primeira identificación das súas presións e ameazas". Con todo, advirten que estes documentos "que aínda se encontran en fase de desenvolvemento, non constitúen aínda un documento do Plan de ordenación do litoral".

De todas formas, valoran a análise de máis dun milleiro de ámbitos de solo clasificado como urbano non consolidado, urbanizábel delimitado e urbanizábel non delimitado ou rústico apto para urbanizar. Apuntan ao fío que os estudos realizados puxeron de manifesto que 106 destes solos encóntranse en contacto directo coa ribeira do mar, 180 sobre ou en contacto coa zona de servidume de protección, 324 entre a servidume de protección de 200 metros, e 287 na franxa entre os 200 e 500 metros, o resto (345) atópanse en zonas máis alá dos 500 metros.

"Queda patente o feito de que as dinámicas de asentamento e as tipoloxías dos modos de crecemento, así como os desenvolvementos urbanísticos nas últimas décadas nos municipios obxecto do Plan de ordenación están supoñendo unha forte transformación do modelo tradicional de asentamento da poboación en Galiza", interpretan. "A tendencia demostra un constante crecemento urbano renunciando á rexeneración dos tecidos urbanos consolidados e orixinando fortes transformacións morfotipolóxicas", recolle o informe que chega ao Consello da Xunta.


3/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: