Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
ANXO LORENZO, SECRETARIO XERAL DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA

“A lingua ten que ser visíbel nas cidades e entre a xente nova”

Nunha entrevista concedida a Vieiros, Lorenzo avoga por “consensuar un modelo de ensino plurilingüe que asegure igual coñecemento de galego e castelán”.

Ramón Vilar - 14:20 15/05/2009

Posibelmente moi ao seu pesar, en pouco máis de 24 horas, Anxo Lorenzo converteuse no secretario xeral máis “mediático” do novo Goberno. O debate lingüístico no que está ensarillada a sociedade galega, ou máis ben a súa clase política, non daba outra opción. Lorenzo aténdenos amabelmente por teléfono. Acaba de aterrar nas dependencias da Secretaría Xeral de Política Lingüística e ten prevista unha conferencia de prensa para a vindeira semana. Mentres, nas súas primeiras declaracións a Vieiros, advirte dende un primeiro momento que prefire agardar até o luns para dar detalles concretos da nai de todas as batallas: o decreto de galeguización do ensino aprobado por PSdeG e BNG e que agora está no ar.

-Vieiros: A estas alturas xa mercaría un casco?

-Anxo Lorenzo: Cando un acepta un cargo ten que traer posta a armadura. Veño preparado.

-O seu nomeamento sorprendeu, e moito. Numerosas voces salientan a súa valía profesional pero estráñalles que aceptase a encomenda de Feijoo. Que lle prometeu o presidente?
-O presidente non me prometeu nada especial. O acordo foi estar en Política Lingüística tendo marxe para traballar na dinamización da lingua galega dende unha visión aberta. Foi decisivo o feito de que haxa un compromiso de intentar un consenso político para o cambio do decreto do ensino. Creo que con a partir destes vimbios hai posibilidade de traballar.

-Vostede chega nun momento especialmente complicado. Para A Mesa é o lobo que vén acabar de comer a lingua e para Galicia Bilingüe unha especie talibán partidario da “imposición lingüística”...
-Eu respecto todas as opinións. Onte (por este xoves) o presidente dicía que a lingua é de todos e a política lingüística tamén ten que ser para todo o mundo. Gustoume a receptividade que atopei nun sector amplo pero tamén “agradezo” que haxa posturas críticas porque a miña misión é traballar para todos. As críticas son un incentivo para mellorar día a día.

-Como especialista en planificación lingüística non cre que o decreto do ensino era un paso indispensábel para a normalización?
-Este tipo de preguntas prefiro contestalas a partir da vindeira semana (insiste ao outro lado do teléfono, sen acritude).

-Escoitar un neno dunha cidade ou dunha vila grande falar en galego é case unha noticia xornalística. Non é o sinal máis evidente da penosa situación que vive a lingua?

-Con respecto á situación lingüística, hai que ter moi claro que a situación é complicada e que vén de moi atrás. Non hai milagres en políticas urbanísticas ou sanitarias e moito menos nas lingüísticas. Convén repetilo e asumilo. Se analizamos o futuro da lingua dende un punto de vista demográfico pode haber incluso certo optimismo, pero tamén é certo que moitas actitudes negativas contra o galego seguen aí. Hai moito que traballar.

-E como se pode inverter esa situación tan desfavorábel nas áreas urbanas e na poboación máis nova?
-Tendo en conta a nosa situación sociolingüística na que estamos, pero tamén a sociopolítica, unha das vías principais é a da dinamización. Hai que propiciar actividades que axuden a dinamizar e a visibilizar a lingua galega nos ámbitos urbanos. Ten que haber espazos para aprendela e usala. O fundamental, repito, é apostar por unha dinamización orixinal, creativa e aberta.

-Se a situación xa é complicada aquí, aínda é peor a que viven os galegofalantes que se atopan fóra das nosas fronteiras administrativas. Non é precisa unha maior implicación das administracións?
-Eu creo que as iniciativas destes anos son liñas nas que hai que seguir insistindo. É precisa máis cooperación onde é fácil facela e onde hai boa receptividade.

-Cal sería o escenario que lle gustaría ter enriba da mesa ao remate da lexislatura?

-Que o modelo de ensino plurilingüe que se vai poñer en marcha nos próximos cursos sexa un sistema ben asentado e que asegure un coñecemento idéntico de galego e castelán e no que teña peso o coñecemento de lingua estranxeira.

Para min sería fundamental que os datos de uso e presenza da lingua galega fosen superiores aos actuais, que aumentasen os galegofalantes máis novos e unha maior visibilidade para a lingua nas cidades. En definitiva, parar o proceso de substitución lingüística.


4,18/5 (40 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: