Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Xosé Filgueira Valverde, Fillo Predilecto

Rajoy asiste ao acto de distinción do seu avó como Fillo Adoptivo de Pontevedra

O presidente da Xunta salienta de Enrique Rajoy Leloup, un dos impulsores do Estatuto do 36, o seu carácter "centrista", "autonomista" e "conciliador".

Redacción - 11:47 19/05/2009
Rajoy Leloup e Filgueira

Rajoy Leloup e Filgueira

O presidente da Xunta e do PP en Galiza, Alberto Núñez Feijoo, así como o líder dos populares a nivel estatal, Mariano Rajoy, asistiron este luns á homenaxe que a Deputación Provincial de Pontevedra ofreceu a Enrique Rajoy Leloup, avó do segundo e a Xosé Filgueira Valverde, os que nomeou Fillo Adoptivo e Fillo Predilecto, respectivamente.

A distinción de Filgueira Valverde baséase na súa implicación na vida social, cultural e política de Pontevedra, da provincia e de Galiza. Profesor, alcalde da cidade, presidente do Consello da Cultura e primeiro conselleiro de Cultura da Xunta, achegou unha inxente produción literaria e científica.

A distinción de Fillo Adoptivo a Rajoy Leloup, que naceu en Compostela, deriva do feito de que o seu pai, Mariano Rajoy Dobarro, era de Santa Mariña de Pesqueiras (Forcarei) e esa orixe supuxo o arraigamento na cidade de Pontevedra da familia.

Rajoy Leloup mantiña amizade, entre outros, con Alexandre Bóveda, Manuel Portela Valladares e Bibiano Fernández Osorio-Tafall, e foi un home decisivo na formulación e no impulso do I Estatuto de Autonomía de Galiza, aprobado en referendo o 28 de xuño de 1936. Con Bóveda, formou parte da comisión redactora e desempeñou o cargo de secretario do comité central da Autonomía.

Rajoy Leloup redactou o decreto para convocar a consulta popular e el mesmo presentou ao presidente do Congreso, Diego Martínez Barrio, e ao presidente da República, Manuel Azaña a Declaración de Autonomía de Galiza nas Cortes Españolas, o 16 de xullo de 1936. Porén, non chegou a entrar en vigor, xa que dous días despois produciuse o golpe de Estado que desencadeou a Guerra Civil.

"Centrista, autonomista e conciliador"

O seu neto Mariano Rajoy, acompañado por numerosos cargos do PP galego e español asistiu á homenaxe proposta hai dous anos polo presidente da Deputación pontevedresa, Rafael Louzán, aínda que non interveu.

Fíxoo o presidente da Xunta que reivindicou o perfil "centrista", "autonomista" e "conciliador" de Rajoy Leloup, en contraposición cos "empeño dalgúns por fabricar historias esquemáticas", nas que Galiza e o seu autogoberno son "patrimonio dunha única tendencia".


2.33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: