Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Após darse os primeiros pasos

A recuperación do legado de Man turra contra a burocracia

Hai case sete anos que o alemán de Camelle faleceu. Neste tempo a fundación que leva o seu nome procurou a colaboración das administracións.

Antía Rodríguez - 08:00 27/05/2009
Unha das imaxes máis coñecidas de Man

Unha das imaxes máis coñecidas de Man

Cando Man faleceu en Camelle, din que sepultado pola negrura que derramou o Prestige na Costa da Morte, o seu legado quedou no sitio. Primeiro tranferiuse ao Ministerio de Cultura, porque así o recollía o seu testamento -incluídos uns mil euros que tiña gardados na casa, e perto de 100 mil que conservaba no banco-; mais despois foi devolvido ao Concello de Camariñas e á Fundación Man de Camelle -exceptuando os 101 mil euros e pouco, que quedaron nas arcas de Cultura.

Mais agora, xa case sete anos despois, a cousa segue nas mesmas. O Concello e máis a Fundación queren recuperalo, non saben moi ben de que xeito, polo que desexan elaborar un Plan Director, un proxecto para arranxar a casa de Man e máis o contorno, e poder amosarllo ao público. Para isto precisan cartos -o alcalde Manuel Valeriano Alonso de León (PSdeG), xuntouse esta semana co subdelegado do goberno español, que lle transmitiu o visto e prace de Cultura para darlles unha subvención-, mais tamén o apoio da Xunta, a Deputación da Coruña e un avance, case impensábel, da burocracia.

Unha recuperación "urxente", un plan complicado
Dende a súa constitución, a finais do ano pasado, a Fundación Man traballa aos poucos, e sen apenas apoio. Teno do Concello -que foi a única entidade que puxo cartos-, mais non da Xunta ou da Deputación, que tamén fan parte do padroado da mesma, e que aínda non asumiron a súa responsabilidade económica.

Sobre a necesidade de recuperar a zona, que ficou tal cal estaba en 2002, mais case todo dentro de caixas e cuberto de po, desenvolveron unhas xornadas a comezo deste mes. O obxectivo do encontro -ao que acudiron a directora de Restauración do Museo do Prado, Pilar Sedano; e o xefe de Restauración do Museo Raíña Sofía, Jorge García Gómez-Tejedor; entre outras persoas-, era desenvolver un debate entre expertos sobre a conservación da obra do alemán de Camelle. A conclusión: que o legado de Man está en "grave perigo, e que é precisa unha "intervención de urxencia". A posíbel reacción: Declarar o legado do alemán Ben de Interese Cultural (BIC).

Esta idea partiu de Juan Creus, arquitecto e profesor na Universidade da Coruña, quen participou nas xornadas, avogando por definir o marco no que actuar, indo alén do museo. Creus sinalou ademais, que para recuperar o contorno e máis a casa de Man, alén de conseguir a declaración de BIC, Camariñas precisa elaborar un plan director, e para isto último, cartos. Despois xa virá o permiso da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística para obrar.

"No Concello sempre houbo vontade de recuperar o legado de Man"
Daquela, para que Man non fique esquecido, é preciso que a burocracia, sexa a da Xunta ou a do goberno español, actúe con dilixencia , "algo bastante complicado, sabendo como son as cousas neste sentido", díxolle a Vieiros o alcalde de Camariñas, Manuel Alonso, mais sinalando que as xestións non "foron paralizadas por ninguén". "Nós estamos dando os pasos legais, pero a Administración é lenta", recalcou o rexedor de Camariñas, lembrando que dende o Concello "sempre houbo vontade de recuperar" o legado do alemán. Mentres, a zona deberá limparse aos poucos, para que se vaia mantendo, catalogar todo o material -hai moitos textos escritos que aínda non foron traducidos-, e crear unha exposición que exhiba ao público parte da súa obra.

Manfred, coñecido coma Man
Manfred Gnädinger, coñecido como Man (Dresde, 1940-Camelle, 2002) foi un escultor e ermitán de nacionalidade alemá que viviu durante 40 anos na praia de Camelle, en Camariñas (Terra de Soneira), onde creou unha peculiar paisaxe de pedra e deixou un enorme legado composto por milleiros de deseños e escritos.

Vivía, dende a súa chegada a Galiza en 1961, das axudas dos veciños e visitantes dun seu museo, elaborado polas súas mans nas rochas que habitaba. Na Galipedia, onde Man ten unha súa entrada, sinálase que o seu museo está, actualmente, "en situación de abandono".


3,75/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A situación actual do museo de Man (vídeo subido o 29 de marzo deste ano)

Flicrk: aamaianos
Flicrk: aamaianos
Flickr: sssssheila
Flickr: sssssheila