Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Máis de 300 asociacións en 18 estados

Ducias de colectivos europeos asinan a prol dunha moratoria eólica

A chamada Plataforma Europea Contra as Centrais Eólicas pide repensar o acelerado incremento do sector e critica impactos ecolóxicos e económicos.

Redacción - 18:20 26/05/2009

Subliñan que están a favor das enerxías renovábeis, pero sempre e cando "sexan eficaces, aceptábeis para a sociedade, a economía e o medio ambiente" e insisten en que a súa introdución debe ser acordada coas poboacións locais. Baixo eses criterios, consideran que na Unión Europea actualmente a presión de "lobbies financeiros e ideolóxicos" levou a un exceso pouco controlado de despregue de muíños eólicos que non responde ás esixencias fundamentais do desenvolvemento sustentábel.

Por este motivo, a Plataforma Europea Contra as Centrais Eólicas (EPAW), mantén aberta unha campaña a través da que denuncia por exemplo que a enerxía eólica "absorbe desde hai anos a maior parte dos fondos públicos destinados a enerxías renovábeis". Entre as críticas aparece tamén a desvalorización do patrimonio natural e cultural de moitas paisaxes, o impacto destrutivo nalgúns ecosistemas, a construción de liñas de alta tensión que conlevan os muíños ou as "enormes fortunas privadas" que estarían a facerse "a costa das poboacións e sen que estas se beneficien" a cambio de xeito significativo.

Por estes motivos esixen a paralización inmediata de todos os proxectos eólicos en curso e a posta en marcha a nivel europeo dun estudo, elaborado por investigadores e expertos independentes, estruturado en catro partes e que guíe as accións futuras no sector: balance das cantidades de CO2 emitidas durante a construción, mantemento, supervisión e desmantelamento dos parques eólicos; balance económico que analice os custos directos e indirectos resultantes; balance social e balance medioambiental.


3.67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: