Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O SLG MANIFÉSTASE EN SANTIAGO

"Pecharemos as nosas explotacións, pero a boca non nola pecha ninguén"

As dúas granxas de Barreiros ás que Leite Río deixou de recollerlles o leite vense obrigadas a tirar a súa produción por quinto día consecutivo. Vídeo no interior.

Isabel G. Couso (texto e vídeo) - 16:45 27/05/2009

Indignación, carraxe e mesmo bágoas deixáronse sentir este mércores en Santiago de Compostela perante a Consellaría de Medio Rural. O Sindicato Labrego Galego (SLG) xuntou a un cento de gandeiros que quixeron amosar a súa solidariedade cos compañeiros de Barreiros que levan xa cinco días tirando o seu leite ante a negativa de Leite Río de recollelo. Pero tamén quixeron amosar o seu malestar co posicionamento da Xunta de Galiza e da Consellaría de Medio Rural "cedendo á chantaxe deste empresario" e reivindicar unha vez máis un prezo digno para a produción leiteira do país.

Conflito en Barreiros
O Sindicato Labrego Galego negou as informacións que falaban de que xa había un acordo para a recollida do leite nas dúas explotacións mariñás. "Lanzaron mentiras dende diferentes sectores para poñerlle medo aos gandeiros, para evitar que viñeran hoxe aquí a manifestarse e para evitar que movamos un dedo, ante o temor de que tampouco nos recollan o leite aos demais", explica Lupe Prado, gandeira e responsábel do Sector Leiteiro do sindicato. Contestan así ao alcalde de Barreiros, o popular Alfonso Fuente Parga, quen aseguraba que grazas á mediación de Medio Rural xa había acordo para a recollida da produción destas explotacións. Pero tamén aos demais sindicatos, que non secundaron este mércores a concentración: "non é certo como dixo Unións Agrarias que os propietarios das granxas recibisen ningunha comunicación ao respecto da recollida do leite", insiste Prado.

Acusacións para o goberno
Pero as críticas máis duras dirixíronas os gandeiros cara á administración galega: "é lamentábel que a Xunta se poña ao carón da industria", di Carme Freire, secretaria xeral do SLG, "hoxe manifestámonos en solidariedade con estes dous gandeiros, pero a este paso mañá seremos moitos máis". Así, exixiron novamente unha garantía de recollida do leite e prezos xustos para vivir da produción leiteira con dignidade. "Se hai prezos mínimos para o petróleo, para as bombonas de butano... por que non para os gandeiros?", berrou un labrego, entre os ánimos dos compañeiros.

Para a tarde deste mércores está prevista a celebración da Mesa do Leite, coa presenza de sindicatos e membros do goberno. Os ánimos están caldeados e Freire adiantouse a augurar un mal resultado "se non se comeza por darlle solución a este problema". Ademais, a secretaria xeral do SLG amosouse moi indignada coa resposta recibida por parte da Xunta de Galiza: "dinnos que este é un problema puntual, o que é unha auténtica irresponsabilidade, que o solucionemos entre nós; como o imos a resolver entre industria e gandeiros cando estamos sometidos a unha auténtica chantaxe por parte do señor Lence?"

Máis mobilizacións
Precisamente para o propietario de Leite Río, Xesús Lence, foron outra boa parte das críticas desta xornada reivindicativa. "Este señor, por chamalo dalgún xeito, crese o amo de todos nós, dixo Lupe Prado. "É quen de manipulalo todo, ao goberno, ao resto das industrias, á distribución... e mentres non hai ninguén que se atreva a contestarlle; estamos totalmente vendidos con este goberno".

Finalmente, Freire asegurou que a loita continuará até o final e adiantou que haberá as mobilizacións que sexan precisas para defender ao sector. "Pecharemos as nosas explotacións, pero a boca non nola vai pechar ninguén", berrou.


Ligazóns

5/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vídeo: manifestación do SLG en Santiago de Compostela

A manifestación, que contou coa presenza de dous tractores, desenvolveuse perante a Consellaría de Medio Rural
A manifestación, que contou coa presenza de dous tractores, desenvolveuse perante a Consellaría de Medio Rural
O SLG cualificou de "chantaxe" a situación que está a vivir o sector
O SLG cualificou de "chantaxe" a situación que está a vivir o sector