Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Premios da XV Mostra

A Ribeira Sacra redescobre os viños brancos

Alén do xa consolidado mencía, os catadores coincidiron este ano no "sorprendente salto cualitativo" experimentado polos brancos desta denominación.

Redacción - 13:00 30/05/2009

O mencía é rei das preferencias cando de viños da Denominación de Orixe da Ribeira Sacra se fala, malia que hai tintos daquelas terras que veñen tamén esprimidos do brancellao, o merenceao, da garnacha e mesmo do tempranillo. Mais a denominación que se acubilla entre os bancais do Miño e o Sil tamén traballa vizosa uva branca das especies do godello, a loureira, treixadura, dona branca, torrontés e mesmo saboroso albariño.

Xustamente, os catadores desta XV edición da Mostra dos Viños da Ribeira Sacra, veñen de coincidir na idea de que os brancos deron "un salto cualitativo sorprendente" na zona con respecto a anteriores edicións. Da escolma que chegaba ao certame, os especialistas destacaron tres. O primeiro premio foi para o "Brandán de Algueira", da subzona de Amandi; o segundo premio foi para o "Abadía da Cova", de Adegas Moure, na subzona de Ribeiras de Miño. O terceiro mereceuno "Ponte da Boga", da subzona de Ribeiras do Sil, que repite idéntico galardón ao do ano pasado.

Tintos consolidados
No que lle toca aos tintos, explicaron os catadores que "manteñen a evolución que se está dando nos últimos anos". Engaden ademais que os de barrica "caracterízanse pola súa consistencia" e polo feito de ofreceren "unha proposta diferente" con respecto aos viños doutras denominacións de orixe. Así, os tintos premiados foron o de "Val do Frade", da SAT Os Ermitaños, da subzona Quiroga-Bibei; en segundo lugar o "San Memed", da Adega Rosa María Pumar, da mesma subzona ca o anterior. O terceiro premio levouno o viño da adega de Javier Fernández González, da subzona de Ribeiras do Miño.

Os premiados recibiron pezas de olería de Gundivós. Nesta ocasión tamén se outorgou, ademais dos premios aos viños do panel de cata, un premio especial, como recoñecemento a "unha persoa que leva o mundo do viño no corazón". José Luís Hernández Mañas, experto en viticultura e enoloxía, e integrante do panel de cata desta mesma edición, foi o galardoado.


5/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: