Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Por valor de 16,8 millóns de euros

A Inspección de Traballo impuxo 7.434 multas en 2008

A área que investiga as altas e baixas na Seguridade Social, cotizacións e cotas foi a que máis infraccións rexistrou.

Redacción - 21:00 30/05/2009

A Inspección de Traballo e Seguridade Social detectou en Galiza en 2008 un total de 7.434 infraccións e impuxo multas por un importe superior aos 16,8 millóns de euros, situando o noso país no cuarto lugar a nivel estatal en canto a número de violacións da normativa, segundo datos do Ministerio de Traballo e Inmigración recollidos por Europa Press.

En todo o Estado, as infraccións detectadas foron 93.722 actuacións contrarias á lexislación da orde social, un 2,2% menos que en 2007, que implicaron sancións por valor de 292 millóns de euros, cantidade superior nun 6,4% á de 2007. Dos 292 millóns de euros en multas que impuxo a Inspección o ano pasado, 118,3 millóns corresponderon á área de seguridade e saúde laboral, onde a Inspección descubriu 27.882 infraccións, cun total de 320.551 traballadores afectados. Tras as súas actuacións neste campo, paralizáronse 1.325 obras, un 25,6% menos.

A área de Seguridade Social, onde a Inspección se encarga de vixiar, entre outras cuestións, as altas e baixas ao sistema, as cotizacións e a recadación de cotas, foi a que máis infraccións rexistrou en 2008, con 40.564. Neste ámbito, a Inspección promoveu un total de 43.351 altas ao sistema durante 2008, un 19,7% máis que en 2007. Os traballadores afectados polas infraccións cometidas na área de Seguridade Social sumaron 168.126, mentres que as sancións superaron os 52,9 millóns de euros.

Máis de 12.400 traballadores inmigrantes sen permiso

Algo máis elevado foi o importe das sancións que a Inspección propuxo na área de estranxeiría (76,6 millóns de euros), onde detectou 12.453 infraccións en 2008, correspondentes ao número de estranxeiros sen permiso de traballo, fronte aos 11.637 de 2007. No terreo das relacións laborais, tanto individuais como colectivas, a Inspección de Traballo descubriu 7.579 infraccións, con 145.572 traballadores afectados. O importe das sancións proposto por estas infraccións foi superior aos 27,7 millóns de euros. Como consecuencia das súas actuacións neste área, un total de 60.188 contratos laborais foron convertidos a indefinidos, un 14,5% máis que en 2007.

En total, a Inspección realizou en 2008 un total de 1.047.977 actuacións, un 14,7% menos, cun volume global de traballadores afectados polas sancións impostas de 680.237, cifra superior nun 51,2% á de 2007. Do conxunto de actuacións efectuadas pola Inspección o ano pasado, case a metade (494.018) se efectuaron na área de Seguridade Social. Seguírono a área de saúde laboral e prevención de riscos, con 363.882 actuacións, o campo das relacións laborais (92.279) e a área de emprego e estranxeiría (68.303 actuacións).


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: