Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Interpelación parlamentaria

O PSdeG non negociará un Decreto que vaia contra o Plan de Normalización

Os socialistas pediranlle ao conselleiro de Educación que aclare as intencións do Goberno sobre a lingua e se comparte a doutrina das FAES.

M. del Río - 12:27 01/06/2009

O PSdeG presentou unha interpelación no Parlamento para coñecer "dunha vez por todas" cal é a postura do Goberno sobre a lingua. Segundo os deputados Francisco Cerviño e Guillermo Meijón, autores da iniciativa, o PPdeG "tratou de introducir confusión" sobre a derrogación do decreto do galego no ensino, e "hai instrucións de Madrid para seguir xogando e enganando con esta cuestión" de cara aos comicios europeos do domingo.

Os socialistas aseguran que o PPdeG sempre estivo a favor do decreto e que cambiou supetamente de idea o día antes da votación porque "detectou malestar en certos sectores urbanos, principalmente de Vigo e da Coruña, molestos coa cuestión do ensino da lingua galega", como Galicia Bilingüe, abrindo "de xeito irreparábel" unha "fenda até agora inexistente" na nosa sociedade, onde, segundo os socialistas, existe o "bilingüismo funcional".

O PSdeG cre que detrás dos movementos do Goberno arredor da lingua esá "a ideoloxía da fundación FAES, que preside José María Aznar", e que asegura nun dos seus documentos que "o galego é unha invención". Por iso unha das preguntas que lle formulará ao conselleiro de Educación é se coñece e comparte ese documento.

Con respecto á intención expresada por Alberto Núñez Feijoo de consensuar o novo decreto do galego, o grupo socialista asegurou que "é o PPdeG o que ten que explicar cal é o punto de partida dese consenso", pero aclarou que non está disposto a renunciar o que marcan o Estatuto de Galiza, a Lei de Normalización Lingüística e o Plan de Normalización, que descartan a segregación do alumnado por razón de idioma.

Francisco Cerviño tamén asegurou que "queremos sacar o galego do combate político", e que foi o Goberno "os que meteron a lingua" nesa liorta "de xeito irresponsábel".

Sobre a proposta de Feijoo de consultarlles aos pais, Cerviño afirmou que, aínda que está a favor de coñecer esa opinión, o presidente da Xunta se "meteu nun xardín co de 'poñer unha cruz', porque é imposíbel economicamente, absurdo en Galiza e vai contra a doutrina do Tribunal Constitucional", que decretou que son os poderes públicos os que marcan o currículo escolar, e engadiu que "a democracia representativa non depende de facer enquisas".


4.69/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: