Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DIFICULTADES ECONÓMICAS

A infancia e as familias numerosas, as máis afectadas pola crise

Preséntase a Rede Galega contra a Pobreza, unha asociación integrada por colectivos que traballan cos máis desfavorecidos.

Redacción - 17:00 01/06/2009

A continua perda do poder adquisitivo está a contribuír a unha constante depauperación dos traballadores, unha situación que afecta en maior medida ás familias numerosas e á infancia. Así o explica o presidente da Rede Galega contra a Pobreza EAPN-Galiza, Santiago González Avión, quen alerta do deterioro da situación vital das clases máis baixas como consecuencia da crise económica. "Os medios de comunicación prestan moita atención estes días a aqueles traballadores e empresarios de clase media que quedan en paro e se ven repentinamente na ruína mais, malia ser un drama, eses non son os máis afectados pola crise", explica.

Aproveitar sinerxias
Neste contexto xorde este colectivo, a Rede Galega contra a Pobreza EAPN-Galiza, unha entidade que aglutina a 10 organizacións implicadas no traballo contra a exclusión social: Cogami, Feafes-Galicia, Igaxes3, Asociación Plataforma polo Emprego, Emaús Fundación Social, Fundación Meniños, Cáritas Diocesana (Tui-Vigo y Ourense), DOWN Galicia e a Fundación Secretariado Xitano. Con todo, segundo nos explica González Avión o obxectivo é que se sumen outros colectivos "para aproveitar as sinerxias e actuar como unha única voz que aspira a ocupar un espazo social como interlocutor ante as administracións políticas".

Este é un dos primeiros obxectivos que se marca a organización, que toma o relevo da Rede Galega contra a Pobreza que xurdira a comezos dos 90 e que forma parte da Rede Europea contra a Pobreza (European Anti Poverty Network). "Queremos intervir nas políticas, sobre todo no ámbito autonómico e estatal, do mesmo xeito que a organización europea é tida en conta como asesora, como representante da sociedade civil, perante as institucións europeas", informa González Avión. Ademais de constituírse como un interlocutor político, dende a APN-Galiza pretenden actuar como acicate da sociedade, "sensibilizar á cidadanía e, xunto con ela, contribuír a que estes temas formen parte da axenda política, hoxe máis atenta ás preocupacións do sector financeiro".

Medidas urxentes
Con estes obxectivos na man, a asociación alerta da crecente pobreza que está a afectar a moitas persoas a partir do cambio de ciclo económico que estamos a vivir. "A perda de poder adquisitivo é tal que hai traballadores que non chegan a cobrar o 60% da renda media, é dicir, hoxe non é necesario estar no paro para situarse por baixo do limiar da pobreza", insiste González Avión. Ademais, "hai que recordar que nos datos de 2005 este indicador situábase en torno ao 18% da poboación e o da pobreza infantil no 25%, o que nos ten que facer pensar na situación na que se atopan hoxe as familias numerosas".

As demandas céntranse, pois, na mitigación desta situación: "haberá que reforzar o Salario Mínimo Interprofesional e a Renta Activa de Inserción, unindo así as políticas protectoras contributivas coas non contributivas", di, "é preciso deste xeito garantir unha renda mínima para todas estas persoas". Doutra banda, reclama medidas para que "unha persoa que veña do mercado de traballo non quede sen ningún tipo de subsidio, porque entón a súa situación non facilitará unha reincorporación ao mundo laboral".

Do mesmo xeito, solicitan medidas de atención ás familias, que "seguen a estar pouco atendidas polas políticas sociais" e traballo no ámbito das políticas educativas: "hai que promover a igualdade de oportunidades con respecto á educación", xa que a crise económica está a promover tamén que medren as desigualdades neste eido.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: