Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Non freará novos asentamentos

Netanyahu teima na colonización en Cisxordania

Doutra banda, frean as esixencias antiárabes da estrema dereita, que pretendía retirar a cidadanía a quen non xurase lealdade ao "Estado xudeu e sionista".

Redacción - 08:00 02/06/2009
Netanyahu e Obama nunha xuntanza recente en Washington

Netanyahu e Obama nunha xuntanza recente en Washington

O primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, rexeitou este luns novamente a chamada do goberno estadounidense a suspender por completo os asentamentos en territorio palestino, realizada nas últimas semanas sucesivamente tanto polo presidente Barack Obama como pola secretaria de Estado Hillary Clinton. Un xesto hostil do mandatario de Israel que chega case na véspera da intervención que o presidente dos EUA ten previsto realizar en Exipto, pensada como chiscadela estratéxica car ao mundo musulmán.

Así e todo, afrouxando tensión, o executivo israelí concedeu un posíbel alivio ao bloqueo israelí sobre Gaza, controlada por Hamás. Afirmou ademais estar disposto a darlles aos palestinos "todos os poderes soberanos que lles permitan gobernárense a si mesmos, agás os que poñen a nosa seguridade en perigo" e prometeu axudar á volta ás conversas de paz sen condicións previas.

Por outro lado, da actualidade en Israel destaca tamén o freo, cando menos nos seus termos máis belixerantes, da bautizada "lei da lealdade". Trátase dun marco legal promovido polas formacións gobernantes da estrema dereita, cun claro obxectivo de marxinar a poboación árabe que ten cidadanía israelí. Na forma en que foi proposta, revogaría os dereitos de cidadanía a calquera que non xurase lealdade a "Israel como estado xudeu e sionista". O proxecto lexislativo, cualificado de "racista" por oposición política e varios medios de comunicación, era unha das propostase electorais de Avigdor Lieberman, actual ministro de Exteriores, e foi rexeitada nunha xuntanza de goberno. Haberá que agardar agora polo redeseño do proxecto e até onde conseguirá chegar na súa teima a ultradereita que forma parte da coalición de goberno.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: