Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Polémica na Deputación

Baltar admite o uso privado do coche oficial pero acusa os rivais de facer igual

O presidente provincial do PP en Ourense, Xosé Luis Baltar, xustificou que o seu coche oficial transportase aos seus netos.

Redacción / Europa Press - 08:00 03/06/2009

"Se é un delito levar un neto cando sae pola mañá e o deixa no colexio, por que non é delito que a ex vicepresidente do Parlamento de Galicia apareza no coche oficial en Xinzo levando toda a familia", retrucou este martes o presidente provincial do PP e presidente da Deputación de Ourense, Xosé Luís Baltar. Respondía así, con referencias á deputada nacionalista Tereixa Paz, ás acusacións do senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, quen censurara o seu uso do coche oficial da Deputación para ir a mitins electorais na campaña das eleccións europeas do 7 de xuño. Engadiu Baltar que en coches oficiais de dirixentes nacionalistas "circularon persoas de moi dubidosa personalidade".

De paso, o dirixente popular sinalou que a súa escolta recolle os seus netos no colexio "pero faino voluntariamente" e argumentou que "outra cousa sería que o obrigase a facer ese servizo". Di Baltar que estanse a "utilizar as cousas como mandan os canons e como hai que facer" e puntualiza que "non é ningún coche oficial do presidente da Deputación", senón que se trata dun turismo que "está asignado á escolta do presidente da Deputación". Ao respecto, asegurou que "na maioría dos casos", vai aos mitins no seu "coche particular". "Vai tamén cando o considera oportuno a miña escolta", xa que "ten que velar pola miña seguridade cando vou ao mitin, cando son presidente da Deputación e cando vou á miña casa", subliñou.

Doutra banda, Baltar aproveitou para pedirlle a Pérez Bouza --voceiro do grupo do BNG na Deputación de Ourense entre 2004 e 2008-- que explique "por que reside todo o ano en Barbadás e figura empadroado no Concello da Porqueira", xa que, recordou, "hai unha lei que che obriga a estar empadroado no sitio onde vives". Baltar insinuou que é para cobrar máis diñeiro polos desprazamentos. "Será porque cando vai á Deputación pode cobrar o desprazamento dende a Porqueira e non dende Barbadás, que está aí ao lado?".

Bouza di que Baltar "mente descaradamente"
En resposta, o senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, acusou a Baltar de "mentir descaradamente" sobre o uso de vehículos da deputación para fins partidarios do PPdeG e asegurou que o barón popular "en calidade de líder provincial asistiu o pasado sábado a un mitin na Porqueira e así o corroboraron testemuñas de varios asistentes ao acto electoral".



Desta forma, cualificou de "mentira descarada" as declaracións do presidente provincial do PP ao asegurar que el "non utilizaba" o coche da deputación para a asistencia a actos de partido e esixiulle que "deixe de utilizar recursos públicos" para actos de partido". Por outro lado, preguntado na Xunta de Portavoces por esta cuestión, o voceiro de Grupo Parlamentario de PPdeG, Manuel Ruiz Rivas, asegurou descoñecer "ese uso ou se Baltar ten netos --aínda que matizou que sabía que ten unha neta--". "A opinión de quen descoñece non é importante", sentenciou.

Posicións "patéticas", avalía o PSOE
A voceiro do Grupo Socialista no Senado, Carmela Silva, denunciou a "hipocrisía" do PP por reprocharlle ao presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, o uso do Falcon para asistir a un mitin mentres outros membros do PP --en referencia ao presidente da Deputación de Ourense, Xosé Luis Baltar-- "non dubidan" en utilizar "medios financiados polo erario público" para fins "non só do partido senón persoais".



Neste contexto, Silva acusou ao PP de "ter dúas varas de medir" e agregou que os populares non poden criticar o xefe do Executivo por usar un avión oficial para trasladarse aos mitins, xa que "eles facían o mesmo durante a súa etapa de goberno, utilizando os coches oficiais para asistir aos mitins". "As posicións que mantén o PP son patéticas", sentenciou a voceiro socialista, moi crítica coa "dobre moral" dos populares e a súa "carencia absoluta de congruencia". A continuación, indicou que o presidente do PP, Mariano Rajoy "está obrigado" a dar explicacións nos próximos mitins sobre este asunto.


3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: