Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Primavera Sound (e 3)

Os vellos non deben de retirarse

Terceira crónica do festival barcelonés. A última xornada foi para os grandes: Neil Young, Sonic Youth e uns abraiantes Liars.

Iván Villarmea - 10:28 04/06/2009

Sábado, derradeira xornada no forum barcelonés. O público andaba inquedo. Era o día grande. As propostas vespertinas multiplicábanse, confundían. Plan A: The Jayhawks, quentando ao público cun folk-rock atemporal que corrían o risco de caer no anacrónico. Plan B: Michael Nyman ao piano, interpretando os seus temas para O contrato do debuxante ou para O piano, entroutros. Unha proposta estraña nun festival de música pop, mais igual triunfou: encheu o Auditori. Plan C: o folk de xoguete de Herman Dune, inxenuo e vitalista. Plan D: as guitarras distorsionadas de Th' Fait Healers, a xogo cunha potente batería post-punk. Moitos plans, mais todos coincidían ás 21:15: un señor chamado Neil Young ía tocar no escenario principal.

Moitos avós suben o seu mito ao escenario e fican niso, nun mito, no pracer de velos anque sexa tarde, fóra de tempo. As grandes cancións de Neil Young teñen datas lonxanas, mais el vive un presente esplendoroso, exuberante, máis aló de calquera moda absurda. O canadiano nunca deixou de sacar discos (o último, Fork in the Road, é deste ano), mais sabe que para deixar abraiadas a 30.000 persoas cómpre rescatar as súas alfaias dos anos setenta: os temas de Everybody Knows This Is Nowhere, After the Goldrush, Harvest ou Rust Never Sleeps. A distorsión salvaxe chegou xa na segunda peza, ‘Hey Hey My My (into the Black)', e logo aínda mellorou con ‘Down by the River', até acadar unha forza abasalladora no peche con ‘Rockin' for a Free World'. O vello sabe como facer ruído! E non só iso. Ao longo do concerto mudou unha chea de veces de instrumento. Tocou o piano en ‘Are You Ready for the Country?', a guitarra acústica en ‘Old Man', e mesmo a armónica en ‘Heart of Gold'. Cancións tan fermosas que houbo mesmo quen chorou nalgunha delas. A beleza inmensa desas cancións e, sobre todo, a beleza inmensa de como as segue interpretando. E mesmo a beleza de como versiona a outros grandes, aos Beatles!: Neil Young pechou o concerto con ‘A Day in the Life', apropiándose dela, nun bis no que soubo pasar da súa delicada melodía a unha fervenza de distorsión. Rematou por romper todas as cordas da guitarra. E logo puxo unha bufanda do F. C. Barcelona. A victoria dun campión. Insuperábel.

Supúñase que Neil Young ía tocar máis de dúas horas, mais o seu espectáculo quedouse nunha hora e tres cuartos. Case mellor: tempo para ver outras cousas, malia ficar aínda prendados coa emoción do canadiano. Contra a medianoite, era tempo de converternos en cabazas. E Liars sabían como facelo. Todo o que nos seus discos semella escuro, críptico e incomprensíbel gaña sentido no directo. Esnaquizan a estructura das cancións para ceibar á música. As súas baterías son puro músculo, un mantra hipnótico sobre o que Angus Andrew vai deitando os seus delirios bocais, a contraluz, sen camiseta: un fiuncho. Liars combaten as melodías pechadas, prefiren os ritmos que se abren, que medran, que envolven ao público nunha ceremonia de ruído abstracto. E non é un ruído arbitrario. Son os mesmos temas dos seus álbumes, máis físicos, potenciados polo directo: ‘Plaster Cats of Everything', por exemplo, foi un dos puntos fortes desa medianoite. Sons inéditos para cerebros inquedos, intervención sen agresión. Máis aló do pop, máis aló de todo.

Máis suaves soaban á mesma hora Deerhunter, extraendo unha beleza lánguida das súas melodías ruidistas. Feedback poético, coa voz fráxil de Bradford Cox confirmando que ‘Agoraphobia' é unha das grandes cancións deste último ano. Agarimos electrificados para masaxear os neurotransmisores: non alivian a tristura, mais serven para facer compaña. Esa noite, no forum barcelonés, Deerhunter sumouse á nobre tradición de alquimistas do ruído que eles tanto admiran: seiva nova para ampliar os achados de Kevin Shields ou de Thurston Moore. Ah, e falando de Thurston Moore...

Kim Gordon, Thurston Moore, Lee Ranaldo e Steve Shelley son xa uns siareiros do Primavera Sound. Sonic Youth veñen cada dous anos. E igual nunca cansan. Hai dous anos tocaron enteiro o imprescindíbel Daydream Nation, e logo aínda saíron facer un bis con catro temas do Rathers Ripped, o disco que presentaban daquela. Unha demostración de que estaban vivos, máis aló das súas rendas. Desta vez viñan pechar o festival. Rescataron de novo varios temas do Daydream Nation, ‘The Sprawl', por exemplo, cancións que un nunca cansa de escoitar. Mais eles seguen ao seu, seguen creando. Traían outro novo disco, The Eternal, outra labazada coa que ampliar a súa lenda. ‘Anti-Orgasm' súmase á súa listaxe de cancións incómodas e perversas, pola letra provocadora, polas guitarras en espiral, por ese ritmo dislocado, polos berros a dúo de Kim Gordon e Thurston Moore. Entrañábel. Inquedante. Escoitar a Sonic Youth segue sendo unha experiencia imprevisíbel, por moito que se coñezan as súas pezas. E no remate, un pulso a My Bloody Valentine: estes catro tamén saben enaxenarse alongando a distorsión, e con moito maior tino. Non precisan facer xestos. Son corredores de fondo.

A noite seguía. Faltaban aínda varias horas para o amencer. Podían encherse vendo a Simian Mobile Disco, que volvían ao festival un ano despois do seu ridículo extremo, cando perderan no aeroporto os seus instrumentos e tiveron que reciclar o seu concerto nunha sesión de DJs. E desta vez o ridículo repetiuse, cuns temas que, fóra do seu impacto inicial, xa semellan esgotados. Pouco lle queda daquela á new rave. Outra opción, máis arriscada, era ir escoitar a El-P. Hip hop de Nova Iorque, produccións creativas, a voz anoxada da gran cidade. Ritmos densos, abstractos, demasiado para esas horas, para ese día. Tardaba en arrincar e a xente xa non estaba para sutilezas. A xente quería pórse fina, pórse do revés, así fose coa borralla de Simian Mobile Disco ou, mellor, coas arroutadas dos Black Lips. Bailar, queimar a noite, alongar o máis posíbel este festival que xa marchaba.

A partir das catro da mañá, os DJs facían o que podían, uns mellor ca outros, aínda que o máis resistente resultou ser o máis ruín: un DJ Coco que máis ben semellaba DJ Staff, a xulgar polo mundo de xente da organización que asolagaba ese escenario, bailando descontrolados, mentres quen fose o responsábel dos pratos enlazaba sen ningunha habilidade aos Pixies con Arcade Fire con Gang of Four con David Bowie cos Smiths con The Clash con Curtis Mayfield con The Wave Pictures con Joe Crepúsculo... Move on up! O amencer sobre o fórum deixando un cemiterio de refugallos. A beleza da decadencia. O encanto dos desfasados.

Ruído delicado, ruído enxordecedor. Primavera 2009 (1)
Remuíños de suor e endorfinas. Primavera 2009 (2)


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: