Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Da cadea Current TV

Corea do Norte condena a 12 anos de traballos forzados a dúas xornalistas estadounidenses

Laura Ling e Seung Eun Lee foron xulgadas por entrar ilegalmente no país, segundo informou esta segunda feira a axencia estatal de noticias KCNA.

Redacción - 11:00 08/06/2009
Pedindo a liberación das dúas correspondentes, en Seúl

Pedindo a liberación das dúas correspondentes, en Seúl

O Tribunal Supremo de Corea do Norte condenou a 12 anos de traballos forzados a dúas xornalistas estadounidenses da cadea Current TV (co-fundada polo ex vicepresidente dos Estados Unidos, Al Gore), segundo informou a axencia estatal de noticias KCNA. Ámbalas dúas correspondentes foran detidas en marzo, cando traballaban nunha reportaxe na fronteira de Corea do Norte con China.

O máximo tribunal norcoreano afectou, segundo un comunicado emitido por esta axencia, "o xuízo previsto contra as xornalistas norteamericanas Laura Ling e Seung Eun Lee entre o 4 e o 8 de xuño". "O xuízo confirmou o grave delito cometido contra a nación coreana", detalla o documento, que fixo público a axencia surcoreana Yonhap. Ámbalas dúas reporteiras, que seguen retidas dende hai tres meses polas autoridades norcoreanas, "foron sentenciadas a 12 anos de reeducación a través de traballos forzados". Porén, varios xuristas expertos, ao saber que as dúas xornalistas foran apreixadas, tiñan previsto unha condena de 10 anos como máximo, tras a súa análise das leis norcoreanas. Os analistas da política internacional consideran que as dúas correspondentes poderían ser empregadas como "moeda de troco" nas negociacións do réxime norcoreano co estadounidense.

Acrecentando o enfrontamento cos EUA
Con esta medida, o réxime de Pyongyang agudiza aínda máis o crecente confronto cos EUA, após os dous ensaios nucleares feitos á marxe das condenas da ONU.

O domingo a secretaria de Estado dos EUA, Hillary Clinton, lembrou as dúas mulleres, e pediu máis unha vez a súa liberación. "Pensamos que os cargos presentados contra estas mozas carecen de fundamento. Agardamos que o xuízo conclúa rapidamente, que se resolva e volvan a casa", afirmou.

Ao coñecerse a condena, o Xapón, tradicional inimigo do réxime norcoreano e un dos principais críticos co rumbo político e militar do país, volveu pedirlle aos EUA que inclúan de novo a Corea do Norte na listaxe de Estado que apoian o terrorismo. "Sentimos esa necesidade", sinalou o voceiro do Executivo nipón, Takeo Kawamura, en conferencia de prensa. Corea do Norte foi borrada da "lista negra" en outubro de 2008 pola Administración Bush.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: