Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Lea parlamentaria

Os deputados da oposición deixan o pleno logo dun enfrontamento coa presidenta

O PP acúsaos de comportárense como "marxinais políticos". PSdeG e BNG critican a "actuación partidaria" da presidenta da Cámara en favor do Goberno.

Redacción - 21:15 10/06/2009

Tensa sesión este mércores no Parlamento a onde representantes do comité de empresa de Caramelo acudiran como público. Os traballadores, mobilizados nos últimos días polo expediente de regulación de emprego (ERE) en proceso na compañía téxtil, foron expulsados despois de apupar o conselleiro de Economía e Industria, Xavier Guerra, logo de que este argumentase que a Consellaría de Traballo se reunira cos empregados na procura de solucións a este conflito laboral.

Durante o debate, o voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, reprochoulle ao conselleiro a deslocalización da produción das súas propias empresas (Guerra ten negocios no sector téxtil), motivo polo cal o responsábel de Economía solicitou unha nova quenda de intervención alegando as "alusións" do deputado nacionalista. A autorización por parte da presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, provocou o enfado de socialistas e nacionalistas que, en protesta, decidiron abandonar a sala de plenos cualificando o acontecido de "actuación partidista".

A oposición acusa a Rojo de ser o "cancerbeiro do Goberno"
O voceiro do grupo parlamentario do PsdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, definiu de "privilexio non regulamentario", a quenda extra outorgada ao conselleiro pola presidenta da Cámara, e acusouna de actuar de "cancerbeiro do Goberno". Insistiu Fernández Leiceaga en que Rojo "non defende os dereitos dos deputados e deputadas da oposición e polo tanto actúa de forma partidaria en favor do Goberno".

Leiceaga recordou que no pleno desta semana houbo outras alusións cara aos deputados socialistas Laura Seara, Modesto Pose ou Abel Losada, en resposta do cal a presidenta da Cámara "en ningún momento lles concedeu a palabra que si llela concedeu a un membro do Goberno para replicar a unha alusión feita horas antes".

Tamén belixerante foi o pronunciamento do BNG ao respecto do acontecido. "Máis parece unha delegada do Goberno que a presidenta do lexislativo nun réxime parlamentar", censurou o voceiro parlamentario do Bloque, Carlos Aymerich. O deputado nacionalista acusou a Pilar Rojo de violar os dereitos fundamentais dos deputados da oposición e de infrinxir o regulamento da Cámara para favorecer o conselleiro de Industria, concedéndolle quenda extra pola tarde para responder alusións realizadas na sesión da mañá. Unha actitude que, subliña Aymerich, "non ten precedente" no Parlamento e que, na súa opinión "pon de manifesto que o PP non recoñece límites nin legais nin éticos á hora de impedir que o BNG traia á Cámara os problemas reais do noso país, neste caso concreto da situación das traballadoras de Caramelo ameazadas por un ERE". Xa que logo, argumentan desde o Bloque que os seus deputados abandonaron o hemiciclo en protesta pola actitude "antidemocrática e chulesca" da presidenta e en solidariedade cos traballadores de Caramelo, previamente expulsados da tribuna de convidados por orde de Rojo.

"Non asimilan a derrota", interpreta o PP
"Prefiren comportarse como marxinais políticos e escenificar pataletas de rebeldes sen causa", retrucou o voceiro parlamentario do PP, Manuel Ruíz Rivas, ao respecto das acusacións de PsdeG e BNG, acusándoos de non asimilar "a súa derrota" nas urnas. "É moi triste que os grupos da oposición teñan a estratexia premeditada de abandonar o pleno", afirmou Ruíz Rivas.

O voceiro do PP considera que o acontecido este mércores ten que ver con outros sucesos en comisións parlamentarias e opina que a oposición está a adoptar "unha actitude claramente obstrucionista ao labor parlamentario nestes case dous meses que levamos de lexislatura".


4,92/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: