Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Conflito laboral na provincia de Pontevedra

O Metal volve saír ás rúas de Vigo, mentres seguen as negociacións

Na sede da Xunta, patronal e sindicatos seguen tentando achegar posicións, tras 24 horas de conversas.

Redacción - 11:00 11/06/2009
Esta terza feira unhas catro mil persoas saíron á rúa, en Vigo, en solidariedade co Metal (clique para ampliar) / Imaxe: CIG

Esta terza feira unhas catro mil persoas saíron á rúa, en Vigo, en solidariedade co Metal (clique para ampliar) / Imaxe: CIG

11h30: Case 24 horas de negociacións
Mentres na sede da Xunta en Vigo, sindicatos e patronal seguen sentados na mesa de negociación, tentando achegar posturas sobre as mudanzas do novo convenio do sector da provincia de Pontevedra, os traballadores percorren as rúas da cidade para visibilizar o conflito.

Ás 11h00 os representantes dos traballadores, dos sindicatos CIG, CCOO e UXT, estaban reunidos coa delegada da Xunta en Vigo, Sonia Molares, e co xefe da inspección de Traballo en Pontevedra, José María Casas de Ron. Aínda que na noite desta cuarta feira houbo algúns achegamentos nas posturas de cada unha das partes, arestora seguen a estar distanciadas polos discrepancias en canto aos aumentos salariais.

Mentres, polas rúas da cidade, milleiros de operarios do metal saían en manifestación a ritmo quedo, cara a Praza do Rei, onde teñen planeado facer unha asemblea xeral. Aínda segue en pé a convocatoria de folga para esta sexta feira, que sería indefinida e afectaría a todas aquelas empresas do sector que teñen convenio propio, coma algunhas auxiliares da automoción, o grupo PSA Peugeot-Citroën e os grandes estaleiros da Ría de Vigo.

08h00: Sindicatos do Metal manteñen o paro desta semana ao non chegar a un acordo coa patronal
Os sindicatos con máis representación no sector metalúrxico da provincia de Pontevedra, decidiron manter a convocatoria de folga indefinida a partir desta quinta feira 11 de xuño, que na sexta se estenderá ás empresas que teñen convenio propio -os grandes estaleiros, as auxiliares da automoción e o grupo PSA Peugeot-Citroën-, ao non ter chegado a un acordo coa patronal nas negociacións do convenio colectivo.Após máis de nove horas de conversas, que pasada a una e media da madrugada aínda continuaban, ámbalas dúas partes seguen sen chegar un acordo nin na cuestión de regulación de xornada, nin no incremento salarial para un convenio do que só se pactou a súa duración: dous anos.

A pesar das intencións manifestadas a primeira hora da tarde desta cuarta feira, cando sindicatos e empresarios afirmaron que había "vontade de achegamento", por volta da 01h15 da madrugada as partes decidiron "aparcar" o debate sobre a regulación da xornada sen consensuar un texto definitivo, e encetar a discusión sobre os salarios, sen que a esa hora se tivese chegado a un acordo.

Os sindicatos presentes na mesa de negociación, CIG, CCOO e UXT, mantiñan unha suba salarial do 6% para os dous vindeiros anos de vixencia do novo convenio, mentras que a patronal ofrecía un 2% para o primeiro ano; e o IPC máis un 0,5% para o seguinte.

A patronal non quere retomar as negociacións mentres haxa folga
Fontes sindicais confirmaron que na mañá desta cuarta feira hanse desenvolver varias asembleas nos diferentes centros de traballo, para informar os operarios da situación das negociacións. En todo caso, insistiron en que se manteña a xornada de folga e, salvo que haxa un preacordo nas vindeiras horas, tamén a desta sexta feira.

Polo seu lado, o voceiro dos empresarios, Enrique Mallón, advertiu que, "canto máis se alongue a negociación, será máis difícil chegar a un acordo", e sinalou que, en caso de que no se chegue na noite desta quinta feira a unha solución, a intención inicial da patronal é "non retomar as negociacións mentres haxa folga", polo que os contactos non se restabelecerían até a vindeira segunda feira.


4,67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: