Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Manifesto da Enciga

O galego e o ensino da ciencia

O colectivo que reúne os ensinantes de Ciencias en Galiza achega un documento onde rexeita as argumentacións de quen considera o galego un problema nas aulas.

Redacción - 11:15 11/06/2009
Tags: Enciga lingua



Achegámoslles íntegro o manifesto enviado pola xunta directiva da Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia (ENCIGA), que está presente no eido da educación secundaria dende hai máis de vinte anos e que conta con case un milleiro de profesores e profesoras no ámbito da Física, Química, Bioloxía, Xeoloxía, Matemáticas e Tecnoloxía:

O GALEGO E O ENSINO DA CIENCIA

A Xunta Directiva da Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia (ENCIGA), que está presente no eido da educación secundaria dende hai máis de vinte anos e que conta con case un milleiro de profesores e profesoras no ámbito da Física, Química, Bioloxía, Xeoloxía, Matemáticas e Tecnoloxía, dende o coñecemento e a experiencia de tan prolongada presenza, pon de manifesto:

  • Que os profesores e profesoras que participan nas actividades de ENCIGA desenvolven as súas actividades docentes en centros escolares situados en cidades, vilas grandes e pequenas e con moi variadas situacións sociolingüísticas.
  • Que, polas súas actividades e antigüidade, é a asociación de profesores de Ciencias máis importante no ámbito da secundaria das que hai no territorio español.
  • Que esta asociación ten publicado ata hoxe 67 números da súa revista –Boletín das Ciencias– en galego, o que supón preto de mil cincocentos artigos dedicados ao ensino das ciencias na secundaria.
  • Que leva celebrados 21 congresos anuais, nos que se teñen presentado máis de 500 comunicacións, cuxa inmensa maioría foron expostas en galego.
  • Que profesores e profesoras que colaboran ou colaboraron nas actividades de ENCIGA se contan entre os mellores profesionais no seu ámbito, como queda demostrado por teren recibido o recoñecemento de institucións e organismos de todo tipo, tanto de Galicia como de fóra dela.
  • Que nunca nas súas actividades, asembleas, comunicacións, artigos, etc., se ten producido ningunha intervención no sentido de manifestar que o uso do galego poida producir ningún tipo de atranco na aprendizaxe dos contidos científicos, ou en calquera outra acción que sexa propia do ensino na secundaria.

Por todo isto, AFIRMAMOS que:


Calquera intención de situar o galego como un problema no ensino, en calquera etapa educativa, non se corresponde coa realidade e non se sustenta en ningunha razón didáctica ou pedagóxica.


4.97/5 (36 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: