Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Coa fin de supervisar "criterios pedagóxicos"

A Xunta inicia o traspaso a Educación das escolas infantís

O Goberno creou a comisión que pilotará o traslado das competencias sobre os centros, que agora ten Traballo.

Redacción - 18:30 11/06/2009

"Volvemos a recuperar o nome de escola infantil e apostamos porque nas aulas soamente se transmitan aprendizaxes e coñecementos", argumentou este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, á saída do Consello de Goberno. 

Deica o próximo curso, a Xunta ten previsto completar a transferencia á Consellaría de Educación das escolas infantís, así chamadas despois de renunciar o novo Goberno á denominación "Galescolas". Estas escolas, para cativos de até 3 anos de idade, dependían durante o treito do bipartito da Vicepresidencia da Igualdade e o Benestar e quedaron incorporadas logo do cambio de poder na Consellaría de Traballo e Benestar.

Agora, o Goberno anuncia o cambio e argumenta que a educación infantil é unha etapa formativa "coa súa propia identidade" e subliña que é necesaria unha "única política" para cumprir cos obxectivos estabelecidos na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, que habilita unha rede galega de escolas infantís "eficientes en termos de calidade". "A Xunta de Galicia quere abordar a distribución de todas as competencias dos dous ciclos de educación infantil (0-3 anos e 3-6 anos) nun único departamento cuns principios pedagóxicos comúns aos dous ciclos", comunicou este xoves o Consello de Goberno.

Con esa fin constituíuse unha comisión da que forman parte catro membros da Consellaría de Educación, catro da Consellaría de Traballo, un representante da de Facenda, outro do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e outro da Federación de Municipios e Provincias.

Fin da denominación "Galescolas"
A rede de escolas infantís no treito 0-3 anos fórmana actualmente un total de 477 centros que abranguen até 23.544 prazas. A maioría, 212, son públicas, e outras 205 son privadas. Ademais, 60 están en mans de entidades de iniciativa social financiadas pola Xunta. Segundo explicou Alberto Núñez Feijoo, a Consellaría de Educación supervisará "contidos e criterios pedagóxicos" desde o próximo curso nestes centros.

Durante a anterior lexislatura, o PP, daquela na oposición, foi moi belixerante coas escolas creadas para este treito de idade polo bipartito. Así por exemplo, a daquela voceira de Educación do grupo parlamentario do PpdeG, Manuela López Besteiro, insistiu reiteradamente en denunciar a o presunto "afán ideoloxizador" co que, aseguraba Besteiro, foran creados estes centros. De xeito concreto, a deputada luguesa do PP teimara na creación de consellos escolares que lle desen a voz aos pais para contribuír a "reducir a carga ideolóxica e neutralizar os obxectivos políticos para os que foron deseñados".


2/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: